O Arquivo municipal remata o acondicionamento dos baixos do edificio Froebel onde se instalarán 15.000 caixas de expedientes 

Mentres se agarda a instalación de novos estantes compactos que permitirán maior almacenaxe e máis facilidade de traballo, o Arquivo continúa coa expurgación dos seus fondos. Nesta ocasión serán 42.600 expedientes de documentación administrativa económica.

A colaboración co Arquivo provincial da Deputación segue en marcha e xa están incorporados á ferramenta dixital Atopo para consulta pública as actas dos concellos vellos de Pontevedra: Ponte Sampaio, Salcedo e Xeve até a súa disolución. 

A alcaldesa en funcións e concelleira de Réxime Interior, Eva Vilaverde, visitou esta mañá as instalacións do Arquivo municipal no edificio de Frobel, acompañada do arquiveiro municipal Rodrigo Silva, para ver o resultado do acondicionamento do espazo que ocupan os fondos históricos municipais. “Queremos aproveitar para poñer en valor a importancia do traballo que se fai no Arquivo Municipal”, explicou a alcaldesa en funcións.

Eva Vilaverde indicou que o último paso será a incorporación dos estantes compactos “onde se vai arquivar toda a documentación que está pendente de describir e, a partir de aí, xa se vai a traballar máis intensamente nestas instalacións”. En Froebel estarán custodiadas 15.000 caixas de expedientes, mentres que en Michelena están 17.000 caixas. “Aínda de que é un espazo máis pequeno, temos maior capacidade porque caben máis compactos”, dixo a alcaldesa en funcións en relación ás instalacións administrativas do Concello.

A pesar do esforzo de clasificación, organización e conservación, “seguimos acumulando papel e se non eliminaramos nada, o espazo non sería suficiente para arquivar toda a documentación administrativa que se acumula nun concello como Pontevedra”, afirmou Vilaverde, por iso resaltou a importancia de seguir revisando arquivos “para ver o que se pode eliminar e facer as expurgacións correspondentes”.

No caso de Pontevedra, a Comisión avaliadora xa se reuniu dúas veces neste ano. A primeira estudou e avaliou documentos susceptíbeis de eliminar e a segunda aprobou a eliminación de 42.600 expedientes que xa teñen o visto bo da Comisión avaliadora galega e está pendente de aprobación por parte da Consellería de Cultura. Eva Vilaverde lembrou que un exceso de documentación sen organizar nin clasificar e sen espazos para gardar “non é de utilidade” por iso adiantou que o Arquivo municipal continuará nesta liña e agradeceu ao servizo “polo traballo que se está facendo”.

Neste traballo de organización e clasificación, a alcaldesa en funcións destacou a colaboración que o Concello ten coa Deputación provincial na dixitalización de documentación. Neste sentido, os últimos traballos foron a dixitalización das actas plenarias dos antigos concellos de Ponte Sampaio, Salcedo e Xeve, que son públicas até o día en que acordaron anexionarse a Pontevedra.

En aras da transparencia, liña de traballo do Arquivo municipal, toda a documentación é pública e pódese consultar a través da ferramenta dixital Atopo. Alí está o debate do Concello de Ponte Sampaio sobre a posible anexión ao Concello de Soutomaior, que finalmente quedou en suspenso. Eran os anos corenta do pasado século.

“Curiosidades como estas teñen o seu valor histórico, pero son importantes porque a xente pode acceder a elas, os investigadores, ás investigadoras…, e nesa liña estamos traballando”, concluíu a alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde.

Compartir publicación: