O concelleiro de mobilidade e infraestruturas, César Mosquera explicou esta mañá que o Concello xa ten o visto bo de Augas de Galicia para abrir a licitación da renaturalización do río Gafos.
O Concello de Pontevedra encargou o estudo de mobilidade e tráfico do ámbito de San Roque, tal e como informou esta mañá o concelleiro de mobilidade e infraestruturas, César Mosquera. O ámbito de estudo será dende Manuel del Palacio, pasando por Raína Vitoria até altura da Ponte da Barca e de aí baixando cara a ría. A empresa encargada de facer este estudo será a consultora Viatoben, dirixida polo enxeñeiro Fernando Nebot que tamén foi un dos redactores do Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) de Pontevedra.
César Mosquera explicou que San Roque “é unha zona na que non se lle prestou toda a atención e non se fixo un traballo detallado que hai que facer. Existen varios problemas que resolver para comodidade dos que viven alí e máis para a ordenación do tráfico de toda a cidade”. Comentou que a zona “está bastante desordenada, caótica, con anchos de vías en zonas e noutras ten beirarrúas moi estreitas”, e a modo de exemplo indicou a complexidade da saída de Víctor Said Armesto cara beiramar.
Por outro lado, indicou o concelleiro que xa existe o visto bo “verbal” por parte de Augas de Galicia ao proxecto do Gafos, unha resolución que poderá chegar ao Concello nos vindeiros días.
César Mosquera quixo agradecer a implicación da Consellería de Medio Ambiente, e en concreto da súa titular, Ángeles Vázquez, que estivo en contacto co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para interesarse por esta autorización.
Recordou que unha vez que chegue a autorización de Costas e o visto bo dos pregos de licitación por parte da Fundación Biodiversidade -xestora dos fondos europeos para este proxecto- poderá saír a contratación coa esperanza de que o proxecto poida estar adxudicado antes de final de ano.