A concelleira Eva Vilaverde anunciou que o seu primeiro uso será o Multisport de tríatlon.
A Policía local de Pontevedra presentou esta mañá o novo equipo de dron que servirá para obter información en tempo real tanto de situacións de emerxencia como en grandes eventos que realice o Concello de Pontevedra. A alcaldesa en funcións e concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde explicou que “é un equipo que mellora as condicións e os recursos que ten a Policía Local. É un compromiso que xa temos adquirido coa propia policía e tamén coa Corporación”,
Segundo explicou Eva Vilaverde esta última adquisición da Policía “reforza os equipamentos e os recursos que ten a Policía Local”. Esta nova ferramenta permitirá axudar en buscas de rescate “porque ten cámara térmica e infravermellos co cal pódese traballar moi ben de noite”, e será de gran utilidade na busca de persoas desaparecidas, accidentes, emerxencias, avaliar zonas afectadas por catástrofes… Permite determinar a situación en tempo real e tomar decisións no momento, así como avaliar ou reconstruír o sucedido a posteriori nos accidentes, por exemplo, sen ter que interferir no tráfico.
Ademais servirá para a coordinación e xestión dos grandes eventos que organiza o Concello, tanto deportivos como culturais e festivos que se sucedan no espazo público. “De feito, a primeira proba de lume vai a ser o tríatlon”. A concelleira explicou que nesta edición existen percorridos polo monte moi longos “que nos vai a permitir facer un seguimento en tempo real de como se está desenvolvendo a proba”.
Características técnicas
Trátase dun dron de clase C2 con marcado de clase europeo. Pesa arredor de 1.200 gramos e ten un alcance efectivo de 12-13 quilómetros, aínda que o uso legal é de 2 quilómetros de distancia. Dispón de tres cámaras con tres sensores diferentes en RGB, é dicir: visión normal, cámara térmica e dous modos de visión nocturna. Ten luz infravermella para visión nocturna e un telémetro láser que serve para tomar medidas, determinar distancias…