Aberto o prazo para comunicar a celebración das fogueiras de San Xoán  

As persoas ou entidades interesadas poderán presentar a súa comunicación até o vindeiro 17 de xuño. 

O Concello de Pontevedra vén de publicar as normas para a celebración das fogueiras de San Xoán 2025 na noite do 23 de xuño. As persoas e entidades interesadas terán até as 13.00 horas do 17 de xuño para presentar a súa comunicación.

As normas para poder celebrar unha queima na noite de San Xoán son as seguintes:

  1. Presentación da comunicación ben electronicamente (sede.pontevedra.gal modelo 906) ben presencialmente, no Rexistro xeral do Concello ou na xefatura da Policía Local (nestes dous últimos casos en horario de 09.00 a 13.00 horas, antes das 13.00 horas do 17 de xuño. No documento que se deberá cubrir aportarán datos da persoa solicitante, situación exacta do predio, obriga de coñecer o teléfono do servizo de Bombeiros, Policía Local e Protección Civil, compromiso de ter un teléfono móbil en funcionamento e previa indicación do número na solicitude.
  2. As fogueiras terán que distar un mínimo de 15 metros ás edificacións e árbores. O diámetro máximo de zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros. As persoas asistentes á fogueira non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira respecto do perímetro exterior.
  3. Os materiais que se poderán empregar son: leña, pólas, toros de árbores e vellos materiais de madeira de calquera clase.
  4. Prohíbese calquera outro tipo de material, especialmente: os pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC en xeral e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e/ou calquera substancia explosiva. Lémbrase que un bote de aerosol, aínda baleiro, pode orixinar unha explosión importante.
  5. Prohíbense as fogueiras baixo árbores, tendidos eléctricos, tendidos telefónicos, balcóns, terrazas, marquesiñas, etc.
  6. Prohíbese a realización de fogueiras sobre vías públicas pavimentadas, xardíns ou zonas verdes en xeral.
  7. A persoa solicitante terá que acatar as normas ou instrucións que poidan ditar os axentes dos Corpos da Policía Local ou Corpo de Bombeiros.

Compartir publicación: