Eva Villaverde presenta o plan que trata de minimizar os efectos das carreiras durante os 9 días do Multisport
A concelleira de Protección Cidadá, Eva Villaverde, presentou o dispositivo de mobilidade do Multisport cun obxectivo claro: ofrecer á cidadanía a maior cantidade de información posible para que o confort urbano non se vexa excesivamente afectado pola celebración, que terá lugar entre os días 20 e 29 deste mes de xuño.
“Trátase do plan de mobilidade, diría eu, máis complexo e ao mesmo tempo máis preciso e sofisticado dos deseñados por esta cidade para un evento deste tipo”, dixo a concelleira. “E, por suposto, a edición máis completa das que se ten celebrado, cos circuítos máis longos, dende Barro a Estribela na súa proba de longa distancia, e tamén o de maior duración, días nos que estará pois abarrotada de deportistas e de xente”. A alcaldesa en funcións estivo acompañada polo director xeral de Protección Cidadá, Daniel Macenlle.
Como recomendacións xerais, o dispositivo pide a colaboración de todas e todos no uso imprescindible do coche, evitando no posible as zonas afectadas cada día, así como facer caso das indicacións de autoridades e persoal da proba, e da cartelería efémera e de cor amarela que se instalará.
Así mesmo, ofrece alternativas para evitar os desprazamentos que teñan como eixo a N-550 durante as dúas fins de semana, e o uso de vías exteriores como a estrada de Vilagarcía ou o nó do Pino para conectar cos viarios de circunvalación. O ultimo día da proba, o domingo 29, estará afectado todo o itinerario convencional entre Barro e Estribela.
Os elementos fundamentais da campaña son 20 mapas explicativos agrupados en dúas categorías: os que conteñen recomendacións xerais para toda a cidade (que son 5, designados coa letra X), e os que se fixan en como a actividade de cada día afecta a cada unha das zonas (15 planos que comezan pola letra Z).
Cada un destes planos explica a mobilidade en cada punto: zonas restrinxidas para o tránsito motorizado, sentidos da circulación, accesos a garaxes públicos ou privados, etc.
Todo o dispositivo de mobilidade recóllese nunha publicación específica, titulada “Ante todo moita calma” na que se inclúen as recomendacións de uso da cidade, ademais da información básica das axendas deportiva e cultural. Unha edición de 30.000 exemplares que será distribuída por toda a cidade.
A campaña informativa tamén inclúe reunións directas coa veciñanza afectada, con colectivos interesados e contactos especiais con empresas concretas que poden sufrir máis directamente as condicións da mobilidade durante algún día determinado.
Ademais, tamén se prevé distribuír cartelería específica por algunhas zonas próximas ás carreiras e na páxina web local do evento, triatlon.pontevedra.gal aparecen todas as explicacións necesarias para moverse con soltura eses días.
O obxectivo da campaña específica de mobilidade é conseguir minimizar ao máximo as incomodidades que causa a proba. Grazas ao modelo urbano pontevedrés pode realizarse un evento deste tipo en plena zona urbana por un período tan longo e con parte da trama urbana máis densa como escenario dalgunha das carreiras.
Villaverde felicitou á Policía Local polo dispositivo de mobilidade, e estendeu o agradecemento ao seu traballo a todos os medios da administración “que estarán coordinados pola policía local onde estará o centro de mando desde onde se comparte o traballo con Policía Nacional, Garda Civil, tanto de tráfico como GEAS, Brilat, os bombeiros, Viaqua, Protección Civil, Prezero, Servizos Técnicos, servizo de deportes, de sinalización e de comunicación”.
Máis info: triatlon.pontevedra.gal