A 6ª edición do Premios Mil Primaveras chega este sábado 7 a Pontevedra da man da Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización Lingüística

Brazolinda, ‘Galego para peques’, ‘Modo galego, actívao’ e ‘Vitamina G’ serán os proxectos galardoados pola súa labor de posta en valor e fomento do galego.

O evento, conducido pola actriz Atenea García, terá lugar ás 11.30 h no Salón de Actos do Pazo da Cultura con entrada libre.

O edil de Normalización Lingüística presentou esta mañá acompañado de Anxos Sobriño, representante da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e secretaria dos premios, a gala de entrega dos Mil Primaveras que celebrarán este sábado 7 en Pontevedra a súa sexta edición.

O evento, que premiará 4 proxectos de diferente natureza que promoven a socialización en galego, terá lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura ás 11.30h. con entrada libre ata completar cabida.

O concelleiro quixo destacar que “vivimos nunha cidade que unha vez tras outra demostra que está moi orgullosa do seu idioma. Onte, no acto de entrega de agasallos ás entidades colaboradoras de Normalización Lingüística, confirmaron a súa asistencia 78 entidades porque, cando a sociedade pontevedresa se pon, tira do seu idioma e quere que remate esta emerxencia lingüística na que estamos. Para nós é un orgullo colaborar coa Coordinadora de Traballadores/as pola Normalización Lingüística (CNTL) e sobre todo para poñer en valor proxectos de éxito como os que se premian este sábado”.

Pola súa banda, Anxos Sobriño subliñou que a iniciativa, que naceu en 2019, “ten a finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio. Levamos 6 edicións celebrando a entrega de premios na cidade e para nós é un privilexio colaborar co Concello e o seu servizo de Normalización Lingüística.

O evento, conducido pola actriz e membro da Asociación de Narración Oral Galega (NOGA), será un acto sinxelo no que os protagonistas son os proxectos premiados e as persoas que os presentaron. Este ano son bastante variados pero todos promoven a socialización en galego e potencian a reflexión e o uso da lingua: Brazolinda (unha iniciativa empresarial de creación de xogos de mesa en galego), Galego para peques (un proxecto audiovisual dirixido á primeira infancia), Modo galego, actívao! (un programa integral de dinamización lingüística en diferentes ámbitos, desenvolvido polo Concello de Ames e a Real Academia Galega) e Vitamina G (unha iniciativa educativa do CEIP Sagrada Familia da Coruña).

Amais dun diploma, recibirán un galardón identificativo dos premios que cada ano encargamos a un artesán diferente. Este ano consistirá nunha peza artística elaborada por Coas Mans Artesanía, obradoiro de cerámica e vidro de Silleda.

A difusión dos proxectos premiados tamén se fai a través das redes sociais da CTNL e do web milprimaveras.gal, onde tamén están os premiados nas anteriores edicións, que suman xa 32. Esta ferramenta é moi útil para facilitar a consulta por parte de calquera persoa servindo de inspiración ou a nivel técnico por parte dos equipos de Normalización Lingüística, docentes, asociacións, etc”.

Recoñecemento do xurado

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convocou en 2024 a sexta edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos. Entre os proxectos presentados nesta edición, o xurado recoñeceu os seguintes:

  • Brazolinda (Brazolinda), pola calidade dos seus produtos, por estar dirixido a un amplo abano de idades e por asociar o noso idioma ao xogo como ferramenta para o lecer, a aprendizaxe e a socialización.
  • Galego para peques (Galego para peques), por poñer o foco no período de adquisición da lingua e na necesidade de materiais para xogar e aprender en galego e co galego.
  • Modo galego, actívao! (Real Academia Galega e Concello de Ames), pola súa planificación coidada e rigorosa, que promove a reflexión sociolingüística interxeracional e que incide en diferentes ámbitos de vida das crianzas co fin de facilitar a socialización en galego.
  • Vitamina G (CEIP Sagrada Familia), por usar a lingua galega como factor de cohesión e integración social, por conseguir unha grande implicación do alumnado, e pola creatividade e a positividade na mensaxe.

Máis información no web dos premios (https://milprimaveras.gal/) ou no enderezo electrónico milprimaveras@ctnl.gal

Cartel Mil Primaveras

Compartir publicación: