O Concello de Pontevedra remitiu un oficio á Consellería de Medio Ambiente no que solicita un informe técnico sobre o parque eólico proxectado no Castrove indicando cal será a afección ás vías de titularidade municipal e pedindo que se concreten polo miúdo as alternativas á instalación deste parque. Alberto Oubiña, concelleiro de Urbanismo, explicou que en Pontevedra “non estamos exentos deste boom eólico depredador”.
Oubiña deu conta esta mañá de que a Xunta de Galicia rexeitou todas as alegacións presentadas polo Concello de Pontevedra en relación ao parque eólico de Monte Castrove que se instalará nos concellos de Barro, Meis, Pontevedra e Poio.
A pesar da negativa da Xunta, o Concello vén de reiterar información á Xunta sobre cales serán as afeccións da instalación “deste megaeólico” que terá arredor de 200 metros de altitude (case catro veces a altura da Torre de Hércules) xa que ten que empregar as vías e camiños municipais para chegar aos puntos de instalación destas torretas.
Por outro lado, nesta nova alegación do Concello pídese un estudo serio de alternativas dado que no proxecto, que ten máis de 1.900 páxinas, adica ao estudo de alternativas soamente media páxina e “o único que contemplan é que non se faga”, explicaba o concelleiro de Urbanismo.