Pontevedra honra a memoria e a dignidade de Josefa Vázquez Juncal, señora Pepa coa inauguración da súa rúa no barrio da Once

O acto será este sábado, 31 de maio ás 19.00 horas. Estará presente o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e familiares de señora Pepa. Descubrirase a placa da rúa e un panel que recolle a vida da homenaxeada. 

Pontevedra inaugura este sábado, 31 de maio, ás 19.00 horas a rúa Josefa Vázquez Juncal cunha homenaxe pública “para honrar a figura de Josefa Vázquez e de reparación do que sufriu esta muller, tan querida e respectada en Salcedo, pero tamén para que sirva de recoñecemento a todas aquelas persoas, especialmente mulleres, que traballaron día a día para levantar esta cidade”, explicou a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde na presentación do acto deste sábado.

A inauguración pretende “dar coñecemento público do acordo plenario que se adoptou por maioría, o pasado 17 de febreiro, para nomear esa nova rúa como Josefa Vázquez Juncal, señora Pepa” explicou Eva Vilaverde que recordou que o nomeamento naceu “da vontade deste goberno, referendada co apoio da Corporación Municipal de feminizar o rueiro de Pontevedra” por ser unha maneira de visibilizar e de conseguir unha sociedade máis igualitaria.

A alcaldesa en funcións explicou que unha boa forma de conseguir ese propósito “era dedicándolle unha rúa a Josefa Vázquez por todo o que significa a súa figura”, por manter en pé unha das familias máis represaliadas do concello despois do golpe de Estado do 36. O seu fillo maior, Milucho, dirixente socialista e da loita obreira, foi torturado e asasinado; as súas fillas Fina e Tucha foron rapadas, torturadas e encarceradas durante dous meses ademais de seren perseguidas e impedirlles exercer a docencia, decisión que se estendeu á súa neta incluso anos despois; o seu home, Antonio foi detido. A persecución foi tal que a súa empresa -O ferreiro do Marco- foi intervida polo que a señora Pepa viviu vendendo ferramentas da súa fábrica nas feiras e mantendo un taller de costura nos baixos da súa casa. A ela atribúese o bordado da bandeira da Sociedade de agricultores de Salcedo -seguindo do deseño simbólico de Castelao-.

Eva Vilaverde destacou especialmente a súa dignidade. “Este é un valor que a pon aínda máis na palestra, unha dignidade que lle fixo permanecer viva non só na memoria da súa familia senón na memoria de toda a comunidade”, de feito lembrou que a proposta foi impulsada pola comunidade de montes, a veciñanza, asociacións culturais da contorna e do asociacionismo de recuperación da memoria histórica que estarán presentes no acto do sábado.

Na inauguración descubrirase a placa da rúa así como un panel coa historia da señora Pepa. Intervirá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, un representante da familia, dos veciños e tamén Pepe Álvarez, en representación do movemento da memoria.

Está convidada toda a Corporación municipal e é aberto a toda a cidadanía.

Compartir publicación: