Xaquín Moreda visitou esta mañá tres barrios da cidade onde o departamento de Servizos urbanos básicos está a realizar traballos de mellora da calidade de vida e seguranza viaria.
O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda supervisou esta mañá distintas obras de mantemento do espazo público que se están a realizar en barrios para mellorar a calidade de vida da veciñanza e resolver problemas de seguranza peonil. O axardinamento do Monte do Taco, o raiado do aceiro cortén de Benito Corbal ou o pintado da sinalización horizontal en Santa Teresa de Jesús Jornet son as que visitou esta mañá para comprobar a súa evolución.
Na rúa Monte do Taco, o departamento que dirixe Xaquín Moreda está a realizar traballos de axardinamento con flor de temporada. Previamente acondicionou a parcela, axuntou e pisou o xabre, retirou sebes para darlle máis claridade e mellores vistas á parcela, plantou dúas novas árbores e finalmente incorpora a flor de temporada. O seguinte paso é a mellora do noiro coa plantación de especies tapizantes. O propósito é mellorar a imaxe deste lugar de encontro veciñal do barrio.
Tamén se achegou a Benito Corbal, diante do Hospital provincial, onde o departamento que dirixe está a raiar as láminas de aceiro cortén que se instalaron na reforma da praza. É un material que con chuvia provoca problemas aos peóns porque esvaran. Estanse a buscar distintas solucións e unha delas é raiar o aceiro creando unha superficie rugosa.
Finalmente, tamén se achegou a ver o resultado do pintado da rúa Santa Teresa de Jesús Jornet, logo da pavimentación total do barrio semanas atrás. Coa colocación da sinalización horizontal, remata esta nova fase de asfaltados urbanos.