O Multisport de Pontevedra será exemplo de sustentabilidade económica, social e ambiental 

∫A concelleira de Deportes, Anabel Gulías acompañada de Lola Andújar, responsable de AECC, e de Saleta González, responsable da estratexia de sustentabilidade do Multisport 2025, presentaron esta mañá os piares que rexerán a citada estratexia durante a celebración deportiva internacional do 20 ao 29 de xuño.

Anabel Gulías destacou os tres liñas nas que está fundamentada a estratexia de sustentabilidade: ambientais, sociais e económicas, e lembrou que para Pontevedra avanzar na sustentabilidade “é primordial”, e será “un piar da vindeira organización de 2026”.

Pola súa banda, Saleta González destacou a alianza novidosa coa Asociación Española Contra o Cancro para evitar impactos no medio tanto na xestión da auga como para previr a contaminación por tabaco, e Lola Andújar, responsable de AECC, adiantou que durante a celebración do Multisport realizarán accións informativas e de prevención para o coidado da saúde e do medio ambiente.

Mellorar as condicións de sustentabilidade habituais en Pontevedra é difícil, pero o Multisport adoitará algunhas medidas que axudarán a minorar a pegada ambiental deste evento, como recomendar decantarse polo tren no canto do avión cando sexa posible, utilizar auga da billa ou utilizar cremas solares respectuosas co medio acuático. Ademáis, o campionato organízase baixo a óptica da economía circular, xa que a gran maioría de proveedores son de ámbito local.

Os principais lugares do evento contarán con fontes de auga da billa, instaladas por Viaqua, coa finalidade de reducir o consumo de botellas de plástico de uso único, para o que se contará con vasos reutilizables que se volverán a usar na Gran Final de 2026 tras seren hixienizados.

Unha das entidades involucradas na organización do evento é a Asociación contra o Cancro, que une a prevención do cancro de pel e a loita contra o tabaquismo con esa outra prevención das cremas solares en relación ao río ou o mar. 

Tamén se traballa na recollida de roupa e zapatillas, o uso de cinta de balizado cun 95% do pástico reciclado, a reutilización da sinaléctica, o reaproveitamento da alfombra azul para outras competicións deportivas no CGTD ou nas das federacións de piragüismo ou de vela.

Ademáis todo o circuíto conta con baños accesibles e zonas reservadas para ver o evento específicas para persoas con dificultades de mobilidade e conta con zonas de lactancia tanto na feira da Alameda como na área deportiva do CGTD, así como produtos especiais de hixiene feminina. Tamén se instalarán pictogramas especiais para que todas as persoas poidan percibir a información claramente aínda que dispoñan de características físicas ou mentais diversas.

A diversidade cultural maniféstase en accións como o intercambio de camisetas deportivas, unha play list multicultural e colaborativa específica do campionato en Spotify.

Ademáis da Asociación contra o cancro colaboran tamén a Asociación Juan XXIII e as empresas Viaqua e Prezero.

Compartir publicación: