A Alcaldía vén de publicar o bando de praias en temporada estival que regula o uso dos areais fluviais: no río Lérez e en Ponte Sampaio. Infórmase do servizo de salvamento e socorrismo, das obrigas de todas as persoas usuarias, de recomendacións do baño e de prohibicións en relación a lumes, animais de compañía ou ruídos, entre outras situacións.
Dende o 1 de xullo ao 31 de agosto, ambos inclusive, as praias fluviais do río Lérez e de Ponte Sampaio contarán con Servizo de Salvamento e Socorrismo en horario de 12:30 a 20:30 h.
As persoas usuarias deberán seguir as indicacións do Servizo de Salvamento e Socorrismo, da Policía Local ou da sinalización existente especialmente ante situacións de risco ou emerxencia. Tamén terán en conta os niveis de precaución das distintas bandeiras indicativas de autorización do baño:
- Bandeira verde: Apto para o baño
- Bandeira amarela: Precaución. Permite o baño con restricións. No caso de introducirse no río, recoméndase o baño sen que a auga supere a altura da cintura e sempre con cautela.
- Bandeira vermella: Prohibido o baño. Prevé un grave perigo para a vida ou integridade das persoas usuarias
Queda prohibido verter ou depositar residuos de calquera clase na praia. Depositaranse nos contedores colocados ao efecto.
Prohíbese o acendido de fogueiras, grellas ou calquera outra fonte de calor sobre o areal ou nas zonas verdes contiguas á praia, así como fachos, bengalas ou material pirotécnico que non sexa de urxencia ou emerxencia.
As emisións acústicas haberán de adaptar o seu volume ao nivel tolerable, evitando xerar molestias.
A acampada tanto no areal como nas zonas verdes contiguas ás praias non está permitida.
Aconséllase non lanzarse de cabeza naqueles lugares de pouca profundidade ou desde sitios situados en altura como árbores, estruturas altas como balcóns, pontes, etc porque pode resultar moi perigoso. Mención especial é o caso do salto de dende a ponte medieval de Ponte Sampaio e o baño no seu entorno. Son zonas excluídas da vixilancia polo Servizo de Salvamento e Socorrismo e non están balizadas e resulta perigoso polas fortes correntes que se orixinan con motivo da baixamar.
No período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro queda prohibido o acceso de animais domésticos ás augas e zonas de baño, areal incluído, entre ás 10:00 e as 20:30 horas, con excepción dos que resulten precisos para o desenvolvemento de actividades debidamente autorizadas ou no caso de cans guía, de asistencia ou para actividades similares.
É responsabilidade de quen guíe aos animais autorizados para acceder á praia o cumprimento das condicións de seguridade, hixiénico sanitarias e de convivencia cidadá. Entre outras:
- Queda prohibido a utilización das duchas e lava-pés para o uso de estes animais.
- Quen acompañe ao can ten obriga de recoller os excrementos do mesmo que deberán ser depositados no interior dunha bolsa nos contedores ou papeleiras existentes.
- Quen acompañe ao can ten a obriga de controlar ao animal en todo momento, preservar a tranquilidade do resto das persoas usuarias así como evitar calquera molestia aos demais usuarios ou cans que se atopen no areal e será quen se responsabilice de calquera dano que poida ocasionar a persoas, outros cans, obxectos ou o medio en xeral.