Pontevedra convértese no centro da banda deseñada coa inauguración de Bdra Gráfica o vindeiro xoves

Xa está publicada toda a programación do festival na páxina web bdragrafica.gal

Feira de venda de cómics e material de debuxo, conferencias, presentacións de obras, conversas, exposicións, cinema e obradoiros para profesionais completan a oferta desta edición.

En Pontevedra estará o autor actual de Corto Maltés, Rubén Pellejero, que será o autor homenaxeado e recibirá o premio Bdra Gráfica. 

Quedan catro días para que arranque a terceira edición de Bdra Gráfica, o festival de banda deseñada do Concello de Pontevedra, para achegar á cidadanía a grande variedade de obras creadas polos autores do noveno arte.  Xa está activa a páxina web: https://www.bdragrafica.gal/ na que se pode consultar toda a programación que encherá a gran carpa da Ferraría entre o 22 e o 25 de maio. Exposicións, cine, obradoiros para profesionais, presentación de obras, conversas con autores completan a oferta desta terceira edición.

Como todos os anos, a Ferraría será o punto neurálxico do festival xa que nela estará a feira do cómic que acollerá as casetas de venda de librarías e editoriais (24 casetas), as sesións de sinaturas e as charlas cos autores convidados. Nesta ocasión daranse cita en Pontevedra: Aldara Prado, Javi Rodríguez (proposto aos premios Eisner 2025 por Zatanna: Bring Down the House), Javi Rey, Paula Mayor, Jaime Martín, Alicia Jaraba, Miguelanxo Prado, Teresa Valero e Rubén Pellejero que será o autor homenaxeado, até completar un total de 24 creadores e creadoras.

Como xa ven sendo un costume, tamén están previstas exposicións en distintos espazos emblemáticos da cidade: Corto Maltés, de Rubén Pellejero, inaugúrase o xoves 22 de maio ás 18.00 horas na Fundación Moldes, onde se poderá ver até o 1 de xuño. Faráselle entrega do premio Bdra Gráfica a toda unha carreira.

  • Historia da BD en 40 orixinais é unha exposición do coleccionista e divulgador de cómic, Jaume Vaquer, que fai un percorrido histórico con 40 orixinais nas que amosa algunhas das principais figuras da banda deseñada. Estará na Casa Consistorial do 22 até o 1 de xuño. O sábado, 24 de maio, farase unha visita guiada polo comisario.
  • A idea do cómic é unha exposición que se situará no paseo de Odriozola na que os autores convidados amosan os seus métodos de traballo. É unha oportunidade para descubrir as distintas maneiras de facer unha banda deseñada paso a paso. Estará na Ferraría acompañando á feira do cómic.
  • Contrapaso, Mayores con reparos, de Teresa Valero, amosa o proceso de creación da nova entrega de Contrapaso. Estará no espazo Nemonon até o vindeiro 1 de xuño. O encontro coa autora será o venres, 23 de maio ás 19.30 horas.
  • VI Premio “O Garaxe Hermético” 2025 – Angi Roa (Xerais) e a miña outra vida de Miguel Rojo estará na sala de usos múltiples do Teatro Principal até o 1 de xuño.

As charlas profesionais irán da man de Miguelanxo Prado e Alicia Jaraba, ademais dunha xornada de revisión de proxectos.

O cine en colaboración do Novos Cinemas estará no Teatro Principal para proxectar Mafalda o venres, 23 de maio ás 10.30 horas e Corto Maltés ás 20.30 horas. O mércores, 28 de maio ás 20.30 horas proxectarase Muerte de un ciclista como contexto á presentación de Contrapaso. Mayores, con reparos de Teresa Valero sobre a España dos anos 50, polo que se aproveita para celebrar o 70 aniversario dun dos fitos do cinema español que reflicte a miseria do franquismo.

Compartir publicación: