Liquidambar, prunus, tilos, magnolios son algúns dos exemplares que se están a plantar en 18 rúas dos barrios da cidade para ocupar as escavas baleiras.
A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, encargado do mantemento dos espazos verdes, iniciou estes días a plantación de 101 árbores de distintas especies nas escavas baleiras en 18 rúas da cidade. As 13 especies escollidas pretenden mellorar a imaxe e a vistosidade das rúas, ademais de ofrecer sombra no verán e deixar pasar a luz no inverno.
Os traballos arrancaron semanas atrás coa retirada de exemplares enfermos ou que non eran acaídos para os espazos urbanos. Continuaron coa eliminación do sistema radicular (tocón) e rematan nestas semanas coa plantación dos novos exemplares nas mesmas escavas que serán suficientemente dimensionadas para que a nova árbore teña unha vida plena. Moitas destas escavas levaban meses sen árbores xa que moitas delas foran danadas polos impactos de vehículos até morrer.
As especies que se están a plantar son:
Unidades | Especie | Zona |
1 | Liquidambar styraciflua | Rúa Espincelo |
1 | Pyrus calleryana “Chanticleer” | Rúa do Gorgullón |
13 | Ligustrum lucidum | Cidade de Pedra |
4 | Prunus cerasifera “Nigra” | Rúa Otero Pedraio |
15 | Prunus cerasifera “Nigra” | Rúa Virxinia Pereira |
18 | Prunus serrulata”Kanzan” | Rúa Loureiro Crespo |
2 | Albizia jul.”Summer Choc.” | Praza Pintor Arturo Souto |
1 | Liquidambar styraciflua | Praza Hospital Provincial |
2 | Pyrus calleryana “Chanticleer” | Praza das Regas |
8 | Magnolia Kobus | Rodriguez Seoane |
9 | Magnolia Kobus | Losada Diéguez |
1 | Metrosideros kermadecensis ‘Variegata’ | Corvaceiras |
1 | Tilia american “Redmon” | Avda de Marín |
1 | Prunus serrulata”Kanzan” | Rosalía de Castro |
2 | Cornus Kousa | Praceres |
16 | Fraxinus excelsior | Augusto García Sánchez |
1 | Camellia japónica | Losada Diéguez |
1 | Magnolia Kobus | Salgueiriños |
4 | Acer platanoides ‘Columnare | Xosé Malvar |
O momento máis acaído para realizar estes traballos é a primavera polo que dende hai unhas semanas a Concellaría comezou coa retirada de árbores enfermas como no caso dos freixos da rúa Augusto García Sánchez que estaban nun estado sanitario moi deficiente ou cunha inclinación que os facía perigosos.
Tamén se abordou a substitución de arborado inadecuado para as vías urbanas como no caso de Rodríguez Seoane e Losada Diéguez. Nestas rúas había ficus que son árbores de gran envergadura e que non perden a folla xerando molestias e queixas continuas da veciñanza debido ao tamaño. Estas árbores non son apropiadas para rúas pequenas pois teñen un gran crecemento e obrigan a ser podadas constantemente cos riscos que supón. Ademáis, ao non perder a folla, tapan a entrada da luz e pérdese moita luminosidade nas beirarrúas e nas casas durante o inverno.
Seguindo o criterio e traballo iniciado o ano pasado no barrio dos Salgueiriños e en Rafael Dieste, estes ficus están sendo substituídos paulatinamente por árbores mais apropiadas. Neste caso son Magnolias Kobus que teñen un tamaño menor, son de folla caduca, teñen raíces pouco invasivas e dan flor en primavera aportando un maior valor estético e paisaxístico á rúa pois vai variando a súa imaxe ao longo do ano.
Tamén se están a plantar árbores nas escavas que están baleiras ben por ter sido vítimas de vandalismo como o caso dos Ligustrum da Cidade de Pedra que foron cortados polo pé ou ben porque son vítimas dos golpes dos coches como os Prunus serrulata da rúa Loureiro Crespo ou os Acer platanoides de Xosé Malvar.
Tamén se están a repoñer as árbores que partiron durante os temporais do inverno, fundamentalmente do Kirk. Están neste grupo o tilo da avenida de Marín, o metrosidero das Corvaceiras, os cornus de Praceres, entre outros.