O groso de actividades terá lugar entre maio e xuño con faladorios, roteiros e tamén propostas para público infantil e xuvenil
A programación continuará nos meses de agosto, setembro, outubro e novembro e celebrará o 7 de xaneiro de 2026 o acto institucional de peche do Ano Castelao
Maio Longo, Vía Galega, SAGA, AS-PG, as asociacións Cedofeita, Mirador de Monte Porreiro, Salcedo Norte ou Casa Verde, o Ateneo, a Polifónica, Migallas Teatro, Polo Correo do Vento, Os de Algures, Sete Espadelas, Montse Fajardo son algunhas das empresas e asociacións involucradas
A empresa pontevedresa Rei Zentolo foi a encargada da imaxe desta programación, cunha versión moderna e roqueira da figura de Castelao
O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou acompañado dunha ampla representación de entidades e empresais locais implicadas no proxecto, a imaxe e a programación cultural do Ano Castelao.
As actividades, que botaron a andar onte cos relatorios organizados por Maio Longo e Vía Galega no Café Moderno, estarán concentradas nos meses de maio e xuño principalmente mais estenderanse ata finais de ano. O 7 de xaneiro de 2026 terá lugar o acto institucional de peche do Ano Castelao logo de ter levado a cabo máis de 20 propostas de diversa natureza e dirixidas a todos os públicos. Faladoiros, roteiros, contadas para cativada, mocidade, etc. formarán parte desta programación “feita pola veciñanza de Pontevedra e que aínda non está completamente pechada”, segundo sinalaba o concelleiro.
A empresa pontevedresa Rei Zentolo foi a responsable de deseñar a imaxe deste programa, cunha versión moderna de Castelao, “cun punto máis rock and roll que pop, inspirada na faceta menos coñecida do “Castelao político político, logo da guerra, cos gravados. Ten cousas non tan coñecidas que son verdadeiramente moi profundas, moi reivindicativas, moi agresivas e desgraciadamente, moi de actualidade. Van varios elementos desta imaxe de Castelao, con punto máis reivindicativo, chupa de coiro e os emblemas que leva prendidos”, comentaba Pablo de Rei Zentolo.
“Hai uns meses o Concello fixo un chamamento á veciñanza de Pontevedra para celebrarmos entre todas e todos o Ano Castelao. Esta cidade sorprende sempre e a recepción foi excelente, a colaboración foi impresionante, e aquí tedes unha mostra. É precisamente a veciñanza de Pontevedra, o movemento asociativo desta cidade, o protagonista das actividades do Ano Castelao. Temos colaborando as entidades de Maio Longo, Vía Galega, O Mirador, Polo Correo do Vento, Cedofeita, Salcedo Norte, Casa Verde, Os de Algures, Sete Espadelas, Ateneo, Migallas, Montse Fajardo, AS-PG, SAGA, a Polifónica e Rei Zentolo, Un programa co que estamos realmente orgullosas e orgullosos, sobre todo por esa participación da veciñanza de Pontevedra. Traemos as primeiras actividades deste programa e aínda quedan algunhas máis durante este ano, que pecharemos o 7 de xaneiro do 2026 cun acto institucional no aniversario de Castelao. Quixemos estendelo ata ese día porque celebrar o cabodano de Castelao está ben – seu pensamento, a Galiza que el soñaba, témola como faro – pero parecíanos moito máis interesante celebrar o seu nacemento”, salientaba o edil logo de agradecer a presenza a todas as persoas implicadas.
A continuación debullou a programación que “non buscaba tanto facer unha programación distinta como incluír a Castelao nas nosas programacións. Temos actividades de moi diferente corte. Por unha banda quixemos reflexionar sobre o pensamento de Caselao, cal foi a pegada que nos deixou porque no moito que fixo na súa vida este home absolutamente polifacético, sempre tivo Galiza como guía, sempre estivo no centro. Aí entra a colaboración con Maio Longo, Vía Galega e outras entidades para reflexionar sobre era o que Castelao pretendía e que Galiza era a que el buscaba.
Quixemos tamén facer un esforzo importante por achegarnos á mocidade e infancia con Migallas e Polo Correo que estarán en Mourente, Monte Porreiro, Salcedo, etc para achegar Castelao de diferente maneira aos nenos e nenas, e tamén á mocidade. Dentro do programa de Ponteverán, haberá unha proposta de a SAGA na parroquia de Salcedo.
Haberá roteiros con Cedofeita, Salcedo Norte e a actualización do roteiro Castelao do Concello.
Unha programación variada para achegar o pensamento de Castelao á veciñanza e protagonizada pola propia veciñanza de Pontevedra”, afirmaba Demetrio.
O edil cedeu a palabra a Pablo, de Rei Zentolo, empresa pontevedresa a que se encargou a imaxe deste proxecto que manifestou estar “encantados de colaborar con Concello, de ser profetas na nosa terra. Cando se trata de Castelao é un encargo motivador pero moi complicado porque hai moitas cousas feitas e é complicado facer algo novo. A primeira idea era facer algo icónico, que servira como imaxe de marca pero tiramos pola versión actualizada, como no seu día fixemos de Rosalía, dándolle un punto máis rock and roll que pope, máis reivindicativo con chupa de coiro e os emblemas que leva prendidos, inspirados na faceta menos coñecida de Castelao e quitándolle o peso da garabata, a americana, etc. Agardo que vos guste e dea moito xogo”.