A edil de Benestar social, Anabel Gulías, presentou acompañada do presidente da asociación pontevedresa, José Manuel Fontenla, este programa municipal, que ten como obxectivo frear o avance dunha das doenzas máis preocupantes para a cidadanía
As persoas interesadas nestes obradoiros poderán solicitar máis información, así como formalizar a súa inscrición, no teléfono 986 84 21 41
O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Benestar Social dirixida por Anabel Gulías, e a Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias de Pontevedra (AFAPO), reforzan a súa colaboración para ofrecer obradoiros de estimulación cognitiva e non farmacolóxica. Este programa municipal, fundamental para frear a enfermidade e mellorar a calidade de vida das persoas con Alzheimer, xa comezou o pasado 12 de maio e desenvolveranse até o mes de xuño, facendo un parón estival para logo ser retomado en setembro, outubro e novembro.
Os obradoiros impartiranse en Campañó, Santo André de Xeve, Burgo, Lourizán (con dous grupos), Mourente, Marcón, Verducido (con dous grupos), Salcedo, Santa María de Xeve e Cerponzóns.
Gulías lembrou a importancia de que os servizos de benestar social sexan públicos e universais, subliñando que a única forma de abranguer todo o traballo necesario neste ámbito é «facelo da man das asociacións». Agradeceu o traballo de AFAPO por tratar unha enfermidade que considera «terrible» e polo acompañamento esencial que realizan coas persoas diagnosticadas e as súas familias, proporcionando un lugar onde ir, conversar e socializar.
Pola súa banda, José Manuel Fontenla, presidente de AFAPO, amosou a súa satisfacción por poder repetir este proxecto e expresou o desexo de continualo no futuro. Fontenla destacou que o alzheimer é a segunda enfermidade que máis preocupa aos cidadáns de todo o Estado despois do cancro, cunhas cifras alarmantes: preto de 1.200.000 persoas afectadas en España, máis de 5 millóns con afectación indirecta, preto de 90.000 en Galicia e uns 5.000 novos casos anuais no país. Na provincia de Pontevedra, estímase que hai entre 18.000 e 19.000 persoas afectadas. AFAPO leva anos reclamando á Xunta de Galicia un estudo epidemiolóxico para coñecer mellor a enfermidade á que se enfrontan.
Os obradoiros que se levarán a cabo no rural pontevedrés teñen como obxectivo «que a doenza non veña tan rápido», aumentando a calidade de vida das persoas que a padecen. O presidente do colectivo fixo fincapé en que a combinación de terapias farmacolóxicas e non farmacolóxicas é, segundo a Organización Mundial da Saúde, a única maneira de frear a enfermidade e mellorar a calidade de vida. A estimulación é crucial, xa que, de non habela, a enfermidade avanza «a pasos axigantados».
As persoas interesadas nestes obradoiros poderán solicitar máis información, así como formalizar a súa inscrición, no teléfono 986 84 21 41.
AFAPO experimentou un crecemento significativo nos últimos anos, pasando de atender 35 persoas en Pontevedra antes de 2021 a 40 e tantos en 2021, 58 en 2022, 60 e tantos en 2023 e actualmente entre 75 e 80 persoas. Este incremento, en parte, atribúese á pandemia, que acelerou o deterioro en persoas que xa tiñan predisposición pero que se fixo evidente coa soidade e o confinamento. A asociación atende a máis de 400 persoas na comarca completa, con presenza en Pontevedra, Marín, Silleda, Poio, Moraña e Ponte Caldelas.