En marcha o proxecto de demolición dun lavadoiro e a creación dunha nova zona de estancia no Gafos na rúa Ponte Nova 

A Concellaría de Servizos urbanos básicos, responsable dos parques municipais, vén de recibir unha subvención de máis de 38.000 euros da Consellería de Medio Ambiente para executar o proxecto.

Xaquín Moreda, concelleiro da área, xa deu orde de que se contrate o proxecto que poderá comezar ao longo do verán. 

O Concello de Pontevedra xa puxo en marcha o proxecto de creación dunha nova zona de estancia no río dos Gafos, á altura da Ponte Nova nº 5, unha vez que vén de recibir a subvención solicitada á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia. O proxecto ten un custe de 48.352,72 euros,e a subvención autonómica é de 38.687,78 euros incluída dentro da liña para a aplicacións de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurganos.

O concelleiro de Servizos urbanos básicos, responsable tamén dos parques municipais, Xaquín Moreda xa deu orde que se iniciase a contratación do proxecto para poder executalo ao longo do verán.

O proxecto suporá a recuperación dun espazo de preto de 170 metros cadrados que na actualidade ocupa unha edificación ruinosa de 94 metros cadrados, que hai décadas era usada como lavadoiro. A edificación existente non conta con ningún tipo de valor patrimonial ou arquitectónico. De feito, son visíbeis na súa fachada as distintas modificacións que se lle foron facendo ao longo dos anos, incorporando ladrillo e outros elementos de nulo valor. 

Xaquín Moreda explicaba na presentación desta nova zona de estancia que o lavadoiro se atopa “nun estado bastante ruinoso, provocando unha mala imaxe na zona”. Polo tanto, a intervención inclúe o seu derrube e a recuperación da beira esquerda do río Gafos, creando un espazo accesíbel para o gozo da veciñanza da zona ou dos paseantes que se acheguen até alí.

Tamén recorda que este tipo de actuacións, máis pequenas que outros proxectos de enorme envergadura, “son tamén fundamentais para a cidade e non menos importantes, pois teñen un impacto na súa contorna, mellorando a calidade de vida da veciñanza e dos espazos públicos”.

Compartir publicación: