O novo contrato de rozas rurais arranca en Tomeza, Lourizán, Salcedo e Marcón para atender a uns 350 km de vías municipais 

Ao rematar nas parroquias do sur, os traballos trasladaranse ás do norte, seguindo unha orde xeográfica para aproveitar os recursos ao máximo.

A nova empresa de rozas executará un contrato de case medio millón de euros en dous anos que permitirá realizar, cando menos, dúas rozas anuais por parroquia. 

O Concello de Pontevedra a través do departamento de rural, que xestiona María Xosé Abilleira, iniciou hai unhas semanas as rozas no ámbito rural de Pontevedra para ter controlada a maleza e a herba que invaden os camiños e vías municipais das 15 parroquias logo do paso do inverno. Neste 2025 o departamento pon en marcha o novo contrato de rozas que se adxudicou a finais do pasado ano por case medio millón de euros e co que pretende reforzar substancialmente o mantemento de vías e camiños rurais durante todo o ano.

Os traballos comezaron por catro parroquias simultaneamente: Salcedo e Marcón -onde os traballos de limpeza xa están moi avanzados- Tomeza e Lourizán. Unha vez que rematen coa zona sur do concello, as rozas trasladaranse ás parroquias da zona norte. En total limparanse arredor de 350 km de vías municipais entre estradas e camiños.

Unha das novidades do contrato é que todas as actuacións deben estar xeorreferenciadas, polo que ao remate se coñecerá con precisión a totalidade de vías nas que se ten actuado. Ademais, unha vez que acaben de rozar as 15 parroquias (estímase que no verán, aproximadamente), volverase a iniciar polas primeiras parroquias da primeira quenda.

A empresa adxudicataria deste novo contrato AUDECA S.L.U. está a traballar cun equipo mecanizado cun tractor e outro equipo de limpeza a pé que se achega ás zonas máis inaccesíbeis e tamén recolle a roza dos ámbitos máis urbanos: campos da festa, beiravías, contornas dos locais sociais, as zonas de vivendas… Seguindo as últimas tendencias, as rozas dos ámbitos máis forestais se retiran das vías pero se deixan no monte para que sirvan de nutrientes vexetais.

A Concellaría está a facer un seguimento moi de preto do desenvolvemento do contrato para comprobar o resultado das limpezas e coa previsión de ampliar o número de efectivos se fose necesario. 

Ademais, e mentes non entre en vigor o novo contrato de residuos, a empresa de limpeza municipal Prezero ten obriga de facer rozas rurais polo que tamén se está a sumar á campaña en distintos puntos destas parroquias.

Cabe lembrar que o reforzo das rozas do rural foi unhas das prioridades que marcou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ao inicio do presente mandato, por iso acordou incrementar substancialmente as partidas económicas destinadas a estes labores e sacar a licitación un gran contrato que permitise realizar, cando menos, dúas rozas anuais en cada parroquia. Finalmente o contrato tivo un custe de 499.999,95 euros e inclúe execución de dúas rozas ao ano focalizadas para cubrir as marxes das vías asfaltadas do rural e periurbano de Pontevedra, a roza de superficies e espazos singulares, como poden ser campos de festa, ámbitos de acceso a infraestruturas, praias, contornas de equipamentos públicos… Se inclúe baixo demanda a corta e destocoado de árbores, incluíndo a retirada da corta.

Compartir publicación: