Tres novos Ravacholiños para os mundiais pontevedreses de tríatlon


O ilustrador local David Campos configurou o rockeiro, o polbeiro e o peregrino, co que o papagaio chega ás 17 versións

Tres novos Ravacholiños foron creados para este Mundial Multisport polo ilustrador pontevedrés David Campos para diversificar o protagonismo do papagaio na comunicación local e internacional do evento.

O divertido e colorista paxaro preséntase este ano de rockeiro, de polbeiro e de pelegrín tres das dimensións que dalgún xeito se relacionan con esta competición internacional que traerá a Pontevedra a centos de deportistas e acompañantes para gozar da nosa paisaxe como escenario deportivo.

Foi en 2019 cando a estratexia de comunicación do primeiro Multisport utilizou a imaxe do papagaio, creando as primeiras figuras, que se incrementaron coa Gran Final de 2023 e agora fan o propio co evento actual.

Ademáis dos ‘Ravacholes’ atleta, ciclista, nadador e paratriatleta, existían o voador, o dos brazos cruzados, o que brinda cunha copa de Albariño, o que fai un selfie, o medallista, dous que nos din ok, o que compón un corazón coas súas alas e o rapeiro. Tamén existe un deseño de Nadal.

A ave, nas súas diferentes versións, protagoniza os distintos elementos da comunicación local e internacional do evento e serve de complemento para personalizar a sede pontevedresa en combinación cos estrictos códigos gráficos da World Triathlon.

Tamén existe unha versión “humana” a través dunha elegante caracterización creada na factoría de Pablo Méndez Performances, que se pasea pola cidade durante os días de competición servindo de apoio a numerosas fotos e interaccións coa xente. 

Ravachol foi adoitado como símbolo local e universal dos campionatos mundiais como representación da Pontevedra máis ilustrada e cosmopolita, pois, segundo as crónicas, o papagaio foi un ser chegado de América no tempo dos grandes trasatlánticos da emigración a finais do século XIX.

Recalou na rebotica de don Perfecto Feijóo, un intelectual do momento que formou parte do panorama máis lúcido desa época dourada. O seu establecemento era un dos epicentros das vivarachas tertulias daquel tempo no que a cidade brillaba con luz propia.

O loro finou pouco antes do entroido e converteuse na súa principal icona desde o ano no que boa parte da cidade formou o seu cortexo fúnebre. Desde entón, o fin do entroido conmemora ese momento cunha enorme manifestación de dor.

Compartir publicación: