O Concello repón 101 árbores nas rúas dos barrios para mellorar a vistosidade e a imaxe da cidade  

Xa comezaron os traballos coa retirada de exemplares enfermos ou de árbores non acaídas para espazos urbanos, e coa eliminación dos tocóns que permitirán plantar nas mesmas escavas até 13 especies distintas en 18 rúas dos barrios da cidade. 

A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, encargado do mantemento dos espazos verdes, iniciou nestas semanas o proceso de retirada e reposición de novas árbores nas rúas da cidade. En total está previsto a plantación de 101 novos exemplares para substituír árbores enfermas, retiradas, partidas polos temporais ou repoñer as escavas que están baleiras en 18 rúas da cidade. Son 13 especies distintas que pretenden mellorar a imaxe e a vistosidade das rúas, ademais de ofrecer sombra no verán e deixar pasar a luz no inverno.

Os traballos se plantean en tres fases consecutivas: retirada de exemplares enfermos ou que non son acaídos para os espazos urbanos, eliminación do sistema radicular (tocón) e a posterior plantación doutro novo exemplar na mesma escava que serán suficientemente dimensionadas para que a nova árbore teña unha vida plena.

Segundo os técnicos municipais, o momento máis acaído para realizar estes traballos é a primavera polo que dende hai unhas semanas a Concellaría comezou coa retirada de árbores enfermas como no caso dos freixos da rúa Augusto García Sánchez que estaban nun estado sanitario moi deficiente ou cunha inclinación que os facía perigosos. O Concello acordou substituílos por motivos de seguridade xa que se trata dun parque moi transitado por peóns e vehículos. Xa están retirados e trabállase na eliminación do tocón, polo que nas vindeirase semanas plantaranse novos freixos mantendo así a imaxe e configuración destas rúas.

Tamén se abordou a substitución de arborado inadecuado para as vías urbanas como no caso de Rodríguez Seoane e Losada Diéguez. Nestas rúas había ficus que son árbores de gran envergadura e que non perden a folla xerando molestias e queixas continuas do vecindario debido ao tamaño que acadan. Estas árbores non son apropiadas para rúas pequenas pois teñen un gran crecemento e obrigan a ser podadas constantemente cos riscos que supón. Ademáis, ao non perder a folla, tapan a entrada da luz e pérdese moita luminosidade nas beirarrúas e nas casas durante o inverno. 

Seguindo o criterio e traballo iniciado o ano pasado no barrio dos Salgueiriños e en Rafael Dieste, estes ficus están sendo substituídos paulatinamente por árbores mais apropiadas. Neste caso serán Magnolias Kobus que teñen un tamaño menor, son de folla caduca, teñen raíces pouco invasivas e dan flor en primavera aportando un maior valor estético e paisaxístico á rúa pois vai variando a súa imaxe ao longo do ano.

Tamén se plantarán árbores nas escavas que están baleiras ben por ter sido vítimas de vandalismo como o caso dos Ligustrum da Cidade de Pedra que foron cortados polo pé ou ben porque son vítimas dos golpes dos coches como os Prunus serrulata da rúa Loureiro Crespo ou os Acer platanoides de Xosé Malvar.

Tamén se reporán as árbores que partiron durante os temporais do inverno, fundamentalmente do Kirk. Están neste grupo o tilo da avenida de Marín, o metrosidero das Corvaceiras, os cornus de Praceres, entre outros.

En definitiva, nas vindeiras semanas a Concellaría de Servizos urbanos básicos plantará máis de 100 novos exemplares de porte en todos os barrios da cidade para devolverlle a vistosidade ás rúas. Plantaranse os seguintes exemplares:

UnidadeEspecieZona
1Liquidambar styracifluaRúa Espincelo
1Pyrus calleryana “Chanticleer”Rúa do Gorgullón
13Ligustrum lucidumCidade de Pedra
4Prunus cerasifera “Nigra”Rúa Otero Pedraio
15Prunus cerasifera “Nigra”Rúa Virxinia Pereira
18Prunus serrulata”Kanzan”Rúa Loureiro Crespo
2Albizia jul.”Summer Choc.”Praza Pintor Arturo Souto
1Liquidambar styracifluaPraza Hospital Provincial
2Pyrus calleryana “Chanticleer”Praza das Regas
8Magnolia KobusRodriguez Seoane
9Magnolia KobusLosada Diéguez
1Metrosideros kermadecensis ‘Variegata’ Corvaceiras
1Tilia american “Redmon”Avda de Marín
1Prunus serrulata”Kanzan”Rosalía de Castro
2Cornus KousaPraceres
16 Fraxinus excelsiorAugusto García Sánchez
1Camellia japónicaLosada Diéguez
1Magnolia KobusSalgueiriños
4Acer platanoides ‘Columnare Xosé Malvar
101

Compartir publicación: