Este aspecto, o da forte implicación da cidadanía e a sociedade pontevedresa, chamou a atención especialmente dos asistentes, profesionais e autoridades presentes
O concelleiro César Mosquera, encargado de ofrecer o relatorio pontevedrés, comentou que a da Boa Vila foi a presentación máis aplaudida
O concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, César Mosquera, ofreceu tal e como estaba previsto, na tarde do mércores, 9 de abril, a súa conferencia “Pontevedra: unha cidade pensada e deseñada para todas as persoas”, no marco do IV Congreso Internacional de Paisaje Urbano, celebrado na cidade de San José, en Costa Rica.
O edil sinala desde o país de América Central que a acollida nesta terra foi «absolutamente espectacular», demostrada a través dunhas «deferencias moi elevadas, o que nos permitiu sobrelevar un jet lag produto desa diferencia de oito horas entre Costa Rica e Galiza». «O ICOUL é un congreso serio, cun público atentísimo e interesado, e logramos que a intervención sobre Pontevedra fose a máis aplaudida».
Mosquera explicou que o contido do seu relatorio fixo fincapé no moito que lle custa á sociedade americana implicar á cidadanía co seu municipio ou coa súa cidade, chegando, tal e como lle recoñecían os asistentes e organizadores do congreso, a non saber quen é o seu alcalde, nin tan sequera preocuparlle este feito. Deste xeito, o edil pontevedrés tratou isto como «un fenómeno preocupante que non existe en Pontevedra, pois a cidade conta cunha elevada participación cidadá a todos os niveis».
«Este contraste na implicación da xente, sexa de xeito crítico ou non, chamou a atención da comunidade americana presente, autoridades e profesionais, pois non adoita contar cunha participación tan elevada por parte da veciñanza», indicou.