O XVII Encontro de Palilleiras volverá ao Recinto Feiral

A cita, xa clásica, encherá as instalacións municipais coa chegada de centos de persoas o vindeiro 27 de abril

Como acción previa ao programa oficial, a asociación A Fieitiña promove esta fin de semana —12 e 13 de abril— un obradoiro coa profesora húngara Bistra Pisancheva 

Non caberá unha palilleira máis. Así de cheo e así de masivo será o encontro XVII Encontro de Palilleiras do Concello de Pontevedra que se celebrará o vindeiro 27 de abril, no Recinto Feiral. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este luns esta nova edición da clásica cita acompañado da asociación A Fieitiña, encargada da súa organización, representada pola súa presidenta, Esperanza Marín.

O rexedor lembrou que este é un evento consolidado, promovido pola asociación de Monte Porreiro, e un exemplo á hora de divulgar tradición, cultura e socialización.

«A verdade que é un encontro dos máis importantes do Estado no referido á súa calidade e número de palilleiras», indicou. «A Fieitiña procura un trato exquisito para todas as participantes tal e como quedou demostrado ao longo dos anos. Sempre contarán co noso apoio á hora de levalo a cabo».

Fernández Lores explicou oorgullosa que se sente a cidade de poder acoller esta cita, que posiciona a Pontevedra e que achega até a Boa Vila a milleiros de persoas ao longo dunha xornada realmente especial. «Pon en valor a artesanía, que cada vez tan máis importancia como motor económico no país».

Pola súa banda, Esperanza Marín agradeceu o apoio do Concello, ao tempo que anunciou un obradoiro coa profesora húngara Bistra Pisancheva, que se celebrará esta mesma fin de semana (12 e 13 de abril).

Compartir publicación: