O alcalde de Pontevedra sinala que a celebración desta cita «non é unha casualidade» e responde á capacidade organizativa da Boa Vila á hora de acoller eventos de gran magnitude e de todo tipo, deportivos e culturais
O responsábel da promotora PlayPlan, Jordi Lauren, indicou que Pontevedra está plenamente preparada para este concerto
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo ofrecer esta mañá unha valoración ao redor do concerto que a artista estadounidense Jennifer López ofrecerá en Pontevedra o vindeiro 8 de xullo. Fíxoo acompañado do edil de Cultura, Demetrio Gómez, e do responsábel da promotora PlayPlan, Jordi Lauren.
«Estamos encantados, obviamente», comezou a súa intervención o rexedor. «Jennifer López virá a Pontevedra e ademais realizará o primeiro concerto aquí da súa xira no Estado, o primeiro, ademais, en cinco anos desde a súa última visita».
Fernández Lores sinalou que «non é unha casualidade» que o concerto de López sexa unha realidade, fiándoo á capacidade máis que demostrada de Pontevedra á hora de organizar eventos de todo tipo a nivel mundial, sexan deportivos ou culturais. «Pontevedra está na moda. A experiencia dinos que a xente que se achega até a nosa cidade repite. Temos un éxito absoluto porque somos unha cidade acolledora. Xa o dixen hai moitos anos: Pontevedra non ten límites, por iso seguiremos organizando eventos de todo tipo no futuro».
Pola súa banda, Jordi Lauren indicou que o que máis destacaba «desta aventura que é traer a Jennifer López á nosa terra», era a capacidade que ten Pontevedra e PlayPlan como parte empresarial de lograr «entendernos, comunicarnos e chegar a puntos en común con moita facilidade». «Somos conscientes que isto é un reto organizativo, comuncativo e de xestión, pero Pontevedra está plenamente preparada grazas a experiencias previas. É unha cidade que transmite os seus valores e as súas características únicas».
Lauren indicou que este é un concerto que «xera un orgullo especial» e que traerá consigo «un impacto impresionante, e xa se puido ver onte polas redes ou os medios, como o nome de Pontevedra circulou por todo o mundo, situándoa como un referente a nivel organizativo e musical incontestábel».
Concello e promotora indicaron o enorme esforzo organizativo que supón poder contar na cidade cun evento destas características, desde as negociacións primeirizas até a creación de plans de seguridade. «O día 8 viviremos unha noite tremendamente especial e oxalá poidamos repetir no futuro algo parecido. Polo de agora, imos saborear o momento», finalizou.
Cómpre indicar que as informacións técnicas ou doutro tipo, como o número de asistentes, o prezo das entradas ou a súa saída á venda aínda están sen pechar; se ben estímase que haberá noticias ao respecto «en breve».