A bandeira xitana da Casa da Luz  amosa o orgullo dun pobo e reivindica respecto á diversidade, equidade social e igualdade 

O Concello de Pontevedra súmase á celebración do Día Internacional do Pobo Xitano da man da FSX, coa que colabora desde hai 20 anos co programa de reforzo educativo para alumnado xitano.

Manifesto 8 de abril: “O coñecemento que se ten do pobo xitano segue baseado en xeneralizacións, prexuízos ou estereotipos negativos…   É imprescindible ter respostas institucionais e xurídicas firmes ante os casos de discriminación e o discurso de odio. “ 

Pontevedra súmase hoxe á celebración do Día Internacional  do Pobo Xitano, unha efeméride para visibilizar a unha comunidade con identidade propia, combater os prexuízos e estereotipos que lastran a súa inclusión e progreso social e para amosar e reivindicar o respecto á diversidade e a igualdade. 

Coa concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, ao fronte dunha ampla delegación da Corporación municipal con representantes dos tres grupos políticos da man da Fundación Secretariado Xitano (FSX) despregouse no balcón da Casa da Luz a bandeira xitana: azul e verde, as cores do ceo e do campo, e coa roda de carro vermella, símbolo da tradición itinerante do seu pobo.

De seguido, e acompañados dun nutrido grupo de membros da comunidade xitana, leuse publicamente o manifesto do 8 de abril, ao que lle puxo voz Diana Flórez, Sara Díaz e Rebeca Flórez, toda unha declaración de orgullo e reivindicación e aposta pola equidade social e a igualdade, que deu paso a un estoupido festivo de cante e baile na praza da Verdura.

Malia cumprirse 600 anos desde a presenza documentada de xitanos na Península Ibérica e que “somos parte esencial do crisol cultural que conforma a sociedade”, persiste “un profundo descoñecemento do pobo xitano, da súa diversidade, a súa identidade, a historia e cultura que comparten,  o que está na  base do rexeitamento e a discriminación anti-xitana”, sinalaba o manifesto, para engadir “o coñecemento que se ten do pobo xitano segue baseado en xeneralizacións, prexuízos ou estereotipos negativos” subliñan no seu manifesto.

Após de recoñecer os avances en igualdade e mellora das súas condicións de vida, a FSG pon o foco en que “son moitos aínda os retos pendentes: os xitanos e as xitanas son máis pobres, teñen un nivel educativo moi inferior á media que condiciona o seu futuro, levan o peso dunha imaxe social negativa e sofren máis discriminación, especialmente as mulleres, e están sistematicamente fóra da esfera pública e os espazos de poder”.

Avogan por políticas públicas  para loitar contra a pobreza e desigualdade estrutural  e respostas institucionais e xurídicas firmes contra a discriminación e o discurso de odio. Nesta aposta atopan no Concello de Pontevedra un aliado.

Precisamente este ano cúmprense 20 anos desde que a Concellería de Benestar Social puxo en marcha o Programa municipal de seguimento escolar e compensación educativa externa para a comunidade xitana, unha iniciativa pioneira en Galicia, que naceu co dobre obxectivo de reducir o absentismo escolar e mellorar o éxito académico do alumnado xitano. As chamadas “aulas de reforzo educativo” seguen a ser unha realidade. Desde o seu comezo pasaron por elas máis de 500 nenos e nenas.

Ademais, compleméntanse con Obradoiros de ocio interculturais, nos que se desenvolven dinámicas e xogos con contidos transversais: educación medioambiental, hábitos saudables, valores… e realizan visitas culturais, festas ou celebran datas sinaladas como o 8 de abril.

Por outra banda, desde o 2014 o Concello de Pontevedra colabora tamén co Programa Promociona, que fóra posto en marcha seis anos antes, de xeito pioneiro en Galicia, pola FSX co fin de que cada vez máis mozas e mozos xitanos completen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e continúen estudando e formándose, o que incrementará as súas posibilidades de promoción social e emprego.

A celebración do Día do Pobo Xitano terá continuidade pola tarde no CEP Marcos da Portela de Monte Porreiro que acollerá (de 16.30 a 18.00 horas) un acto lúdico-formativo, no que o alumnado profundará na historia e cultura xitana e na realidade dos seus con-veciños, da man de ex-alumnas. Ao tempo inaugurarase un mural feito polas nenas e nenos do centro cunha mensaxe a prol da inclusión, pluralidade e igualdade.

Compartir publicación: