Unha primeira ollada ao punto limpo móbil que percorrerá os barrios e as parroquias de Pontevedra

Trátase dunha unidade con dezasete puntos de recepción para distintos materiais que van desde pilas a tixolas, pasando tamén por produtos tecnolóxicos como cargadores ou cables

O Concello negociará e estudará coa empresa o calendario de funcionamento deste elemento, que cada día, previsiblemente, se situará nun punto distinto do municipio 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil responsábel da xestión de residuos, Xaquín Moreda, achegouse até a praza do Concello para coñecer de primeira man a proposta de módulo de punto limpo móbil que a veciñanza terá a súa disposición coa posta en funcionamento do novo contrato de residuos do municipio. 

«Estamos a falar dun punto limpo móbil que poderá ser levado cada día a unha localización distinta», indicou o rexedor. «A idea é negociar coa empresa os lugares exactos para situalo e que a veciñanza poida facer uso del. Trátase dunha unidade que contará con dezasete puntos de recepción de materiais diferentes, incluíndo voluminosos».

Fernández Lores lembrou que o contrato terá a súa Sinatura definitiva nun breve período de tempo, intre exacto no que se iniciará a incorporación dos novos servizos que a empresa PreZero terá que dar ao concello. «Este en concreto é un servizo interesante para que a xente poida tirar esas pequenas cousas sen ter que ir até o punto limpo fixo situado no Campiño, como poden ser as tixolas ou o cableado inservible que temos na casa».

O calendario exacto de rotación deste punto limpo móbil, así como outros detalles máis específicos, será revelado unha vez entre en funcionamento, para que a veciñanza poida facer uso do mesmo e saiba da súa posición exacta cada día do mes.

Compartir publicación: