As Tanxugueiras pechan os Faladoiros Feministas coa análise da realidade das mulleres na Cultura 

A cita é o vindeiro martes 8 de abril, ás 19.00 horas, na sala multiusos do Teatro Principal, con entrada libre ata completar aforo

Os Faladoiros analizan con lentes violetas ata que punto a igualdade é unha materia pendente no eido do Deporte, a Política e a Cultura, no marco da programación municipal do 8 de marzo 

As Tanxugueiras  pecharán o vindeiro martes 8 de abril os Faladoiros Feministas, o ciclo de debates promovido pola Concellería de Igualdade no marco da programación municipal  vencellada ao 8 de Marzo, que tamén remata e que xirou ao redor do lema  O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti. 

O trío de pandeireteiras, formado por Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro, falarán da fenda de xénero e da realidade que viven as mulleres no mundo da música e da cultura en xeral,  da súa experiencia como mulleres enriba do escenario e como  artistas innovadoras, que adaptan a música tradicional a estilos actuais e non renuncian a súa lingua nai.

“Elas abriron fronteiras na lingua e amosaron que non hai fronteiras, e puxeron en valor o patrimonio inmaterial gardado polas mulleres” subliña a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías. Ademais nas súas cancións repítense temáticas como o diálogo e entendemento entre os pobos, a defensa da lingua e a cultura galegas e o apoderamento da muller.

Feminismo e Cultura, o terceiro e último faladoiro do ciclo, terá lugar na sala multiusos do Teatro Principal, o martes 8 de abril, ás 19.00 horas. Moderará o debate a xornalista Chus Gómez. O acceso é libre ata completar aforo.

Antes da cita do martes, os Faladoiros Feministas abordaron a consecución do principio de igualdade no mundo do Deporte, da man da karateca Ruth Alonso e no da Política coas parlamentarias autonómicas Raquel Arias (PP), Olalla Rodil (BNG) e Paloma Castro (PSOE).

Compartir publicación: