Anabel Gulías: “O Plan de prevención de condutas adictivas esténdese, de xeito complementario, ás familias para traballar con toda a comunidade educativa desde unha perspectiva integradora”
O Plan municipal de prevención de condutas adictivas é unha iniciativa da Concellería de Benestar Social que conta coa colaboración da Consellería de Sanidade
A Concellería de Benestar Social puxo en marcha Obradoiros Familiares, no marco do Plan municipal de prevención de condutas adictivas que desenvolve xunto coa Consellería de Sanidade ao longo do curso escolar, co fin de dotar ao alumnado de ferramentas (informativas e formativas) coas que poder enfrontar condutas disruptivas e tóxicas.
As actividades deste plan de prevención vai dirixido a estudantes de 5 e 6º de Primaria, de 1º a 4º de ESO e FP “e agora esténdense, de xeito complementario, ás familias, para traballar con toda a comunidade educativa desde unha perspectiva integradora” subliña a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, quen lembra “o papel determinante que xogan nais e pais ou titores na vida presente e futura dos fillos e fillas”.
Nos institutos están desenvolvéndose obradoiros de Prevención de condutas adictivas e Educación emocional e nos coles obradoiros de Educación en valores. Están impartidos por un equipo de carácter multidisciplinar (traballadora social, educadora social, psicóloga…) que adapta os contidos e dinámicas das sesións á idade do alumnado receptor.
Os Obradoiros Familiares – programados ata finais de xuño- están pensados como un espazo puntual de reunión para nais, pais e titores, no que se aborda un tema de interese de forma monográfica e intensiva, impartidos por profesionais expertos en educación e prevención. Cada unha das temáticas elixidas tratarase nunha sesión (obradoiro) de hora e media de duración.
As temáticas ofertadas para os Obradoiros Familiares, que se imparten a demanda, son as seguintes:
- Ferramentas de xestión emocional e comportamental na crianza
- Técnicas de aprendizaxe
- O uso das TICs
- Sexualidade e afectividade
- Construción e acompañamento na auto-estima.
Malia que desde o Plan de prevención de condutas adictivas se ofertan esta relación de contidos específicos para os obradoiros, a Concellería de Benestar Social valorará a opción de impartir outro tema se algún centro educativo amosa interese nalgunha temática concreta. Houbo xa solicitudes para realizar obradoiros sobre acoso escolar, educar con limites pero sen gritos nin castigos ou prevención do consumo de substancias tóxicas en menores.
Ata agora solicitaron obradoiros familiares nove centros: CEIP San Martiño de Salcedo, CEIP Manuel Vidal Portela, EEI Fina Casalderrey, CEIP Xunqueira I, CEIP de Marcón, CEIP Cabanas-Salcedo, CEIP de Ponte Sampaio, CEIP Santo André de Xeve e Colexio Plurilingüe Calasancio.
Aínda está aberto o período de inscrición, así que os centros educativos ou ANPAs interesadas en ter maior información poden mandar un mail a pgonzalez@pontevedra.eu ou chamar ao telf. 986804300 ext 7452.
Os obradoiros realízanse no centro educativo nos días e horarios que mellor lles veñen aos participante e para facilitar a conciliación familiar (para nenos e nenas maiores de 2 anos) pódese solicitar o servizo de ludoteca.