A Concellaría de Servizos urbanos básicos retoma o luns as pavimentacións na cidade. Nesta ocasión será baixo a ponte da Barca -o paso entre as rúas Almirante Matos e Cruceiro que se atopa en moi mal estado-, e tamén instalará dous novos pasos de peóns sobreelevados no Campo da Torre para crear unha plataforma única pegada á praza de Touros que permita un acceso seguro ao parque infantil instalado nunha glorieta.
A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, continúa o luns, 7 de abril, coa mellora dos firmes das rúas da cidade incluída dentro do plan de asfaltados 2025. Nesta ocasión pavimentarase o paso baixo a ponte da rúa da Barca que une as rúas Almirante Matos e Cruceiro, e tamén se crearán dous pasos de peóns elevados no campo da Torre.
A pavimentación baixo a ponte da Barca obrigará a pechar ao tráfico o último tramo de Almirante Matos e tamén o Cruceiro, xa que durante o asfaltado será imposible comunicar estas dúas rúas. Prevese que os traballos rematen ao longo do día, pero en canto estean finalizados abrirase a rúa para dar servizo á veciñanza.
A segunda das pavimentacións que tamén se fará na mañá do luns será a creación de dous novos pasos de peóns elevados no Campo da Torre, continuando coa intervención de remodelación gradual que o departamento de Xaquín Moreda acomete no barrio.
Os pasos de peóns construiranse na entrada á praza e paralelos ao parque infantil. Permitirán crear unha plataforma única na parte pegada á praza de Touros para acceder con seguridade á área infantil, que se instalou na glorieta e funciona como illa para dar volta os coches.
A Concellaría de Servizos urbanos básicos leva varias semanas traballando no barrio onde se melloraron as beirarrúas, creouse un espazo de estancia unindo o parque infantil coa área pegada á praza de Touros que agora se completa cos pasos de peóns elevados, e pintáronse outros pasos de peóns para mellorar estes percorridos adaptados, ademais de fixar zonas de prohibición de estacionamento diante do acceso ás vivendas unifamiliares do final da praza.
Os do luns son os terceiros asfaltados do plan municipal de 2025. No barrio de Monte Porreiro xa se pavimentou a rúa Alemaña entre Luxemburgo e Irlanda, os novos estacionamentos das rúas Grecia e Portugal e as rúas Cambria e Illa de Man. Ademais, mellorouse o firme da rúa Costado (fronte á urbanización de Valdecorvos) e a rotonda da estación do Ferrocarril, en Eduardo Pondal.
O inverno deixou atrás rúas deterioradas en distintos puntos do ámbito urbano polo que é necesario realizar pavimentacións completas ou restauración de panos que permitan seguir empregando con seguridade os espazos públicos. En carteira están Santa Teresa de Jesús Jornet, na rúa das Hortas, San Antoniño ou a glorieta de Eduardo Pondal con Uxío Novoneira, entre outras.