O Concello substitúe os ficus de Rodríguez Seoane e de Losada Diéguez por magnolias de flor 

A Concellaría que xestiona Xaquín Moreda optou por retiralos dado que son árbores que chegan a superar os 15 metros de altura e non son acaídas para espazos urbanos como as rúas. 

Logo da retirada dos tocóns, plantaranse magnolias de flor que darán vistosidade ás rúas (son similares s das praza de San Xosé), e sombra suficiente para refrescar o ambiente no verán e deixar pasar o sol no inverno. 

A concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda, iniciou esta mañá a substitución dos ficus da rúa Rodríguez Seoane por magnolias, unhas especies máis acaídas para os espazos urbanos, que darán vistosidade e luminosidade ás rúas. Esta substitución continuará pola rúa Losada Diéguez.

Nestas dúas rúas da cidade están plantados ficus, un exemplares cun porte excesivamente grande (os ficus chegan a medir até 15 metros de altura), moi podados na parte baixa para evitar que as pólas molestasen aos viandantes e ás vivendas e unha copa escasa tamén moi podada polos mesmos motivos e non cumpría os obxectivos de sombra que se busca coas árbores urbanas. Ademais, o sistema radicular estaba a causar problemas nas beirarrúas e nas calzadas. A Concellaría estimou que eran exemplares non acaídos para este ámbito urbano.

A substitución comezou esta mañá por Rodríguez Seoane coa poda das ramas e continuará coa retirada de todo o exemplar, o destoconado do sistema radicular e a posterior plantación de magnolias de flor nas escavas. Son arredor de 15 magnolias de folla caduca (8 en Rodríguez Seoane e 7 en Losada Diéguez) localizados nas mesmas escavas dos ficus. Darán maior vistosidade ás rúas coas súas flores (semellantes á praza de San Xosé) e unha sombra suficiente para poder refrescar o ambiente no verán pero tamén para deixar pasar o sol.

Estas substitucións son a continuidade das realizadas a pasada primavera no barrio dos Salgueiriños e na rúa Rafael Dieste, tamén no barrio de Loureiro Crespo, nos que tamén estaban plantados ficus de grandes dimensións que causaban moitos problemas a viandantes polo levantamento das rúas así como aos veciños nos que as pólas entraban nas súas fiestras. Ademais, as árbores estaban sometidas a unha presión de podas anuais para evitar o seu crecemento o que causaba a descompensación dos exemplares.

Compartir publicación: