Mañá continúan os asfaltados urbanos coa pavimentación das rúas Illa de Man e Cambria, no barrio de Monte Porreiro 

A Concellaría que xestiona Xaquín Moreda continúa mañá cos asfaltados na cidade, logo do paso do inverno que deixou atrás pavimentos deteriorados.

Logo de mellorar parte da rúa Alemaña e os novos estacionamentos das rúas Portugal e Grecia, continúan no barrio de Monte Porreiro con Cambria e Illa de Man. 

A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, continúa mañá coa mellora dos firmes das rúas da cidade. O inverno deixou atrás rúas deterioradas en distintos puntos do ámbito urbano polo que o departamento municipal acometerá dende pavimentacións completas até a restauración de panos que permitan seguir empregando con seguridade os espazos públicos.

Os asfaltados continuarán mañá en Monte Porreiro coas rúas Cambria e Illa de Man, para as que non será preciso elaborar plan de tráfico dado que soamente afectará a peches puntuais en distintos tramos.

Estes son os segundos asfaltados que o Concello Fai no barrio de Monte Porreiro, xa que a pasada semana se asfaltou a rúa Alemaña entre Luxemburgo e Irlanda, así como os novos estacionamentos das rúas Grecia e Portugal.

Ademais de Monte Porreiro, tamén se realizaron pavimentacións no Costado e na rotonda da estación do ferrocarril.

O departamento que xestiona Xaquín Moreda ten pendente acometer outros asfaltados en Santa Teresa de Jesús Jornet, na rúa das Hortas, San Antoniño ou a glorieta de Eduardo Pondal con Uxío Novoneira, entre outras, nas vindeiras semanas.

Compartir publicación: