O Concello acomete a mellora do parque de Barcelos que poderá estar pechado tres semanas 

O investimento supera os 30.000 euros para reparar dende o pavimento até os xogos, valados e elementos de seguridade.

A Concellaría que xestiona Xaquín Moreda acaba de abrir a área infantil do Parque de Europa que foi renovada cun orzamento de máis de 17.000 euros. 

O Concello de Pontevedra a través da Concellaría de Servizos urbanos básicos, que xestiona Xaquín Moreda continúa adiante co plan de supervisión, revisión e arranxo dos parques infantís da cidade. Nestes días remataron a posta ao día da área infantil do Parque de Europa, e dende esta semana permanece pechado o parque de Barcelos no que se van a realizar múltiples melloras.

A intervención no parque de Barcelos vai a ser integral, de feito as reparacións teñen un orzamento de 30.234,88 euros. A previsión é que permaneza pechado tres semanas, pero no caso de que o tempo acompañe, este prazo podería reducirse. 

A reparación consiste en:

  • Retirada de zonas de céspede artificial danado.
  • Reparación de grechas en pavimento amortecedor con limpeza de zonas danadas e recubrimento ata cumprimento de normativa.
  • Colocación de novo céspede artificial, coa correspondente aplicación de material de cuarzo en acabado.
  • Reparación integral do columpio dobre mixto, do xogo de trepa, do barco, dos bambáns e dos xogos pequenos coa substitución de pezas desgastadas ou deterioradas, reaprete de parafusos, lixado, pintado, e subministro e instalación de tapóns de seguridade.
  • Reparación do mobiliario (bancos), tornillería, elementos de protección (tapas e tapóns)
  • Arranxo dos valados e substitución de ancoraxes.

Por outra banda, a Concellaría vén de rematar a reparación do parque infantil da Praza de Europa, no barrio de Monte Porreiro, que xa está a disposición da cativada. A súa reparación tivo un custe de 17.683,08 euros.

Actuouse na zona da tirolesa, reparouse o pavimento, substituíronse os elementos de suxeción de todos os xogos e reparouse o bambán-moto, o tobogán dobre (tres torres), o rocódromo, o tobogán e os balacíns. Tamén se mellorou o valado do parque ademais de outras actuación relativas á seguridade.

Tamén están revisados e reparados os de Ponte Boleira, Fonte Santa, As Regas, Campo da Torre, Illa do Covo, Palmeiras e Pasarón, e tense actuado de urxencia noutros como en Maruxa Mallo, Corvorana, Oito de Marzo ou Tafisa que se atopaban en evidente estado de inseguridade.

A Concellaría que xestiona Xaquín Moreda está a realizar un traballo minucioso, facendo unha diagnose e priorizando as actuacións, dado que non se coñecía o estado real de todas estas áreas infantís. O estudo previo permite ir priorizando os espazos de actuación, aínda que a Concellaría está atenta para atender as urxencias que poidan xurdir en calquera das áreas infantís.

Compartir publicación: