O proxecto de renaturalización do río Gafos xa é unha realidade que se dará a coñecer de xeito público este venres no Teatro Principal 

O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, repasou as características principais desta actuación, que xerará un espazo de altísima calidade urbana na Boa Vila, achegando o barrio ao río 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo público esta mañá o proxecto xa rematado e entregado pola empresa CALCO ao Concello de Pontevedra, que ten como obxectivo facer unha realidade a renaturalización do río Gafos no seu tramo urbano, un proxecto financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR) do Goberno de España.

«Creo que é preciso ter conciencia da importancia de poñer en valor o noso patrimonio, sexa natural ou cultural. Son consciente das dificultades que isto conleva, en moitas ocasións, como a idea de actuar con sentidiño e con realismo, sendo conscientes sempre das posibilidades coas que contamos», indicou o rexedor.

O rexedor quixo lembrar as distintas actuacións de recuperación e renaturalización que se foron facendo nos mandatos anteriores, tales como a praia fluvial de Monte Porreiro, o tratamento da Illa do Covo, os avances na xunqueira de Alba ou o saneamento do Lérez. «Queda moito por facer, é unha desas cousas que resta por facer e levantar esa tapa que temos por riba do Gafos e renaturalizar toda a súa ribeira en Campolongo. Este é o momento de facelo».

Fernández Lores presentou polo miúdo o proxecto, acompañado de varios dos responsábeis da súa redacción e creación (Clara González, Laura Alonso, Xoán Perez, María Barceló e Oscar Sanmartín), e que este venres será presentado nun acto público á cidadanía, ás 20.00 horas, no Teatro Principal.

«Imos actuar en todo o tramo do río, evitando a idea de ir por fases. Queremos que o proxecto se faga realidade. Eliminarase o colector de formigón que hoxe garda o río e crearanse tres pasos peonís para mellorar a conectividade entre as dúas beiras. Unha será unha plataforma diante dos colexios», sinalou. «Toda a zona contará cunha altísima calidade urbana e, ademais, queremos que o proxecto teña un carácter urbano real, tendo en conta as circulacións peonís, a seguridade e a mobilidade, ademais, de contar con accesibilidade universal».

O orzamento incluído no proxecto é de 4,6 millóns de euros, cun prazo de execución de 12 meses. Serán plantadas case un cento de novas árbores, duplicando a cifra actual; ademais de 290 plantóns de salgueiro, o que derivará nuns 700 metros cadrados de cobertura arbórea. A maioría das especies serán de folla caduca.

O proxecto non só permitirá crear unha zona verde de elevada calidade, senón que tamén traerá consigo unha hidráulica moi importante, rebaixando a posibilidade de inundacións e mellorando o control das mesmas. 

Doutra banda, cómpre sinalar que esta actuación terá un carácter de quilómetro 0, xa que, por exemplo, o formigón retirado do río será triturado para logo ser utilizado na construción dos camiños e sendeiros fluviais. Tal e como indican desde o equipo de deseño do proxecto, na Fundación Biodiversidade non teñen coñecemento dunha renaturalización deste tipo, polas súas características únicas, dentro do Estado español.

Compartir publicación: