Regresa a Semana Galega de Filosofía para denunciaro nihilismo actual da sociedade ao longo da súa XLI edición 

Néstor Kohan e de Márcia Tiburi son os primeiros nomes confirmados como relatores nesta cita, que se celebrará entre o 21 e o 25 de abril na cidade de Pontevedra

A Aula Castelao destaca que a Semana Galega de Filosofía é un congreso aberto e popular, que tenta sacar a filosofía á rúa, facela accesíbel e dialogante 

Pontevedra será de novo epicentro de reflexión, pensamento e crítica a través da XLI Semana Galega de Filosofía. Unha nova edición dunha das citas culturais máis lonxevas da cidade, terá lugar na Boa Vila entre o 21 e o 25 de abril. Nesta ocasión terá como tema principal o nihilismo.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este mércores, 12 de marzo, o primeiro adianto do programa que conformará esta cuadraséxima primeira edición, organizada pola Aula Castelao, e cuxo presidente e secretaria, Alexandre Cendón e Eva Mouriño, estiveron tamén presentes.

«Este ano estará adicada á filosofía e o nihilismo», sinalou o rexedor. «Realmente só quero darlle ás grazas á Aula Castelao por levar tantos anos poñendo a Pontevedra no mapa da filosofía mundial, pois este é un encontro internacional, cunha altísima calidade e relevancia dentro do eido académico, mais tamén no eido popular».

Lores lembrou que durante esta semana, Pontevedra convértese nun foro referente dentro da filosofía, xa non só a nivel galego, senón a nivel estatal, europeo ou mundial. «Coido que un encontro presencial sempre terá algo que as conferencias en liña non poden ofrecer, esa posibilidade de ser unha cita máis enriquecedora e participativa. Temos a sorte de ser escenario desta Semana Galega da Filosofía mañá, tarde e noite».

Desde a Aula Castelao, lémbrase e destácase o seu compromiso coa defensa do ensino da filosofía e do seu status académico, mais non concordamos en que fóra dese ámbito institucional esta non teña cabida. «É posíbel e necesario sacar a filosofía das aulas á rúa, facela accesíbel, partillala e sometela a discusión pública, mais tamén é preciso facer o camiño inverso, aprender filosofía nas corredoiras e nas prazas, e traducir esta a unha linguaxe con aspiracións universais. Pretendemos estabelecer un diálogo entre o pensamento do pobo e a investigación académica, tronzando as burbullas nas que se adoita recluír ambos os dous ámbitos. Concordamos con quen considera que as ideas deben baixar de cando en vez do seu mundo para pasar pola experiencia da vida do pobo, antes de elevarse novamente na súa busca de universalidade», indican.

Alexandre Cendón agradeceulle un ano máis á colaboración ao Concello de Pontevedra á hora de facer posible este evento. «Son xa varias décadas, e é algo importante a subliñar. É raro que estes eventos duren tanto. É algo que sempre lles sorprende aos filósofos e filósofas de todo o mundo cando veñen», comentou. «É unha cita singular e distinta. É un congreso de filosofía aberto a toda a cidadanía, un evento popular».

«Este ano, a través da temática xa revelada, queremos afondar, constatar e denunciar ese estado de ánimo social e individual de falta de valores, de desesperanza e de falta de horizonte, mesmo de desacougo, e que está instalado nunha boa parte das persoas», sinalou o presidente da Aula Castelao. «Facémolo co ánimo de denuncialo e combatelo. Non queremos este nihilismo, esta falta de sentido. Fáltanos a verdade».

O programa, que contará coa participación de 15 relatores e relatoras, desvelou as palestras de Néstor Kohan e de Márcia Tiburi. O primeiro abrirá esta edición o vindeiro 21 de abril; namentres a pensadora brasileira e autora de Como dialogar cun fascista falará sobre o «ridículo político», o martes, 22 de abril.

+ Información en: https://aulacastelao.gal/

Compartir publicación: