Así o sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que esta mañá presentou a nova campaña de reclutamento de voluntarios e voluntarias para a cita deportiva máis importante que a cidade acollerá ao longo deste ano 2025
A campaña de voluntariado deportivo de cara ao Mundial Multisport botou a andar co obxectivo de persuadir ao maior número de persoas posible atendendo así ás diferentes liñas de traballo que a organización necesita para facer frente ás importantes misións loxísticas que esixen as carreiras.
Nesta posta en marcha contouse con representantes da Brilat de Pontevedra, de Protección Civil e da Oficina de Voluntariado; que arrouparon ao alcalde, Miguel Fernández Lores, á hora de presentar unha campaña que persigue a implicación cidadá nos labores organizativos do campionato.
O rexedor chamou á participación da cidadanía neste proxecto, unha das grandes citas urbanas do ano, e que lles ofrece ás persoas voluntarias a posibilidade de vivir unha experiencia única, algo que enriquece tamén ao conxunto da organización, nutríndose e beneficiándose de cada unha desas aportacións persoais desinteresadas.
Miguel Balea, responsábel da Oficina de Voluntariado de Pontevedra, cifrou en 1.500 as colaboracións necesarias, con picos diarios de 500 servizos. Comentou que a campaña estaba xa iniciada, cun cento de persoas anotadas, mais agardan chegar ás 350. A cada unha desas persoas solicítaselles una aportación de 2 ou 3 servizos, en función do número de efectivos cos que conten.
Foi a concelleira de Deportes, Anabel Gulías, a que agradeceu a súa participación aos estamentos militares e de seguridade pública, incluída a Escola Naval Militar, a Garda Civil e as policías Nacional e Local, que estarán dunha ou doutra forma relacionadas con este campionato mundial.
As duas entidades militares están estudando o seu grao de implicación, xa que o campionato ten lugar en días difíciles para os seus continxentes, o brigada da Brilat, César Rivera. Expresou o seu compromiso de participar tanto como lles sexa posible, pois coincide coa época de relevos do continxente que a Brigada ten destacado en Eslovaquia.
A responsable de protección civil, Adelaide Lopes, fixo un chamamento á implicación da cidadanía, á que convidan igualmente a participar o resto do ano no seu corpo da seguridade pública, que tamén se nutre do traballo voluntario.
«Serán as persoas de Pontevedra que máis perto estean dos deportistas, polo que para nós a importancia dos e das voluntarias é máxima», dixo o alcalde. Tamén lles recomendou que «vaian adestrando para estar listos para 2026, ano en que se celebrará novamente a Gran Final das Series Mundiais, semellante á que xa tivo lugar en 2023 e que trouxo á cidade a máis de 4.000 atletas de todo o mundo».
A organización da proba ten previstos que os postos de voluntariado ao longo dos nove días que durará o mundial se cubran por persoas ás que lles guste algún aspecto das distintas áreas de traballo previstas: secretaría e acreditacións, apoio á dirección da carreira, protocolo e cerimonias, comunicación e prensa, ademáis do propiamente loxístico.
Pedirase a cada persoa que cubra máis dunha quenda e a Oficina de Voluntariado asignará lugar, día e hora, además da persoa que coordine cada acción. As persoas implicadas teñen garantida a manutención, e equipación e todas as necesidades materiais relacionadas coa súa misión, además de seguros e certificados de participación.
As persoas interesadas, das que non importa a idade nen o nivel de estudos, poderán tamén participar en eventos e festas exclusivas para o grupo de voluntariado. En anteriores ocasións, as persoas que participaron, expresaron a súa alta satisfacción por ter tomado parte no evento e confíase en que moitas delas repitan este ano.
As vías de contacto son as seguintes:
Sede física da Oficina de Voluntariado – Rúa Benito Corbal, 45. 4º, Local 12 (Entrada por Javier Puig)
Teléfono: 606 119 915
Enderezo electrónico: oficinadevoluntariado@gmail.com