Anabel Gulías: «Celebramos o compromiso coa igualdade de xénero no ensino»
O Teatro Principal acolleu esta mañá o acto de revelación e entrega dos galardóns que promove a Concellería de Igualdade para poñer en valor proxectos innovadores na incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos
O Teatro Principal acolleu este martes, 12 de marzo, o acto de revelación e entrega dos VI Premios Ernestina Otero Sestelo, que promove o Concello de Pontevedra para poñer en valor proxectos innovadores e relevantes na incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos non universitarios de Pontevedra, para, en palabras da concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, «celebrar o compromiso coa igualdade de xénero no ensino».
Gulías lembrou que un dos obxectivos prioritarios do Concello é promover a igualdade entre homes e mulleres, sendo unha peza crave nesta aposta «o compromiso da comunidade educativa. xa que resulta fundamental traballar a perspectiva de xénero coa poboación máis nova». Neste marco os Premios Ernestina Otero son un referente consolidado, o recoñecemento de proxectos innovadores, de boas prácticas e de modelos para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade exportables aos distintos centros educativos.
Os galardóns tamén son unha homenaxe a figura de Ernestina Otero Sestelo, quen como lembrou a concelleira Anabel Gulías foi «unha mestra que traballou incansablemente por mellorar a calidade do ensino e, sobre todo, por estendelo a toda a poboación, moi especialmente ás nenas». Unha peza audiovisual ilustrou a descrición da senlleira mestra.
De seguido, deu paso á entrega dos premios, que foron recollidos polos protagonistas dos traballos: o alumnado dos centros seleccionados.
Os premios entregados nas dúas categorías do certame – unha distingue os traballos realizados en colexios de Educación Infantil e Primaria e outra para os promovidos en centros de ensino de Secundaria e postobrigatoria non universitaria- foron outorgados coa unanimidade do xurado.
PREMIADOS
Na categoría de Educación Infantil, o primeiro premio recaeu Ex aequo no CEIP de Marcón polo proxecto Microcurtas pola igualdade e a non violencia e ao CPR Sagrado Corazón de Praceres polo proxecto A perspectiva de xénero e a igualdade de oportunidades nos ambientes e nas estacións de aprendizaxe
No caso do Colexio de Marcón, o xurado tivo en conta «a alta colaboración coa ANPA e a difusión do proxecto na parroquia e a posta en valor da riqueza da lingua oral con perspectiva de xénero na comunicación». Polo que respecta ao centro de Praceres, os membros cualificadores destacaron «a aplicación dunha metodoloxía innovadora, a transversalidade no proxecto e a perspectiva de mantemento no tempo».
O segundo premio recaeu no CEIP San Martiño de Salcedo polos seus proxectos Aladina e Radio en feminino. O xurado xustifica a decisión «pola calidade de ambas as propostas, a implicación de todo alumnado e o comunidade educativa e planificación de actividades ao longo do curso».
Polo que respecta á categoría de centros de Secundaria o primeiro premio foi para o IES Luis Seoane polo proxecto A igualdade a través da Radio Seoane no Aire. O xurado destaca neste outorgamento «a realización de actividades de impacto no centro educativo ao longo de todo o curso e a integración plena da perspectiva feminista na transversalidade do proxecto educativo do centro».
O segundo premio foi Ex aequo para o IES Torrente Ballester polo proxecto Educando en Igualdade e para o IES Valle Inclán por Recollendo o relevo. O xurado valorou no primeiro instituto «a metodoloxía científica aplicada á investigación sobre a igualdade de xénero no contexto educativo e familiar». No segundo instituto, os cualificadores tiveron en conta «a busca de referentes inter-xeneracionais na contorna do alumnado do centro e análise dos avances realizados en materia de igualdade».
Entregados todos os premios, a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías despediuse dando as grazas a todos os centros educativos que participaron nesta edición dos Premios Ernestina Otero (aos premiados e ós que non), pois «o seu traballo é fundamental para continuar construíndo unha sociedade máis igualitaria».
O broche do acto estivo a cargo da compañía Trémola Teatro coa actuación do contacontos teatralizado O mundo ao revés.