O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que o ámbito de intervención do chamado PAI RAIL se situará ao carón da vía do ferrocarril, e axudará a desenvolver actuacións coma a construción do novo pavillón de Monte Porreiro, o novo parque da Parda, a xestión de inundacións provocadas polo río Valdecorvos ou a creación dun novo espazo de centralidade sobre a vía no barrio da Seca
O alcalde e portavoz do Goberno, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno extraordinaria celebrada a primeira hora. Entre os distintos asuntos tratados durante a mesma, figurou a aprobación do Plan de Actuación Integrado (PAI) Estratexia Integrada de Desenvolvemento Local Axenda Urbana de Pontevedra ‘RAIL Pontevedra’ (Reconexión, Accesibilidade Integral e Mellora Ambiental de Pontevedra Leste), co que a cidade participará na convocatoria dos Planes EDIL (Plans de Actuación Integrados de Entidades Locais) financiada con fondos FEDER.
O ámbito de intervención do PAI RAIL Pontevedra localízase nos barrios periurbanos colindantes ao leste coa vía do ferrocarril, é dicir, nos barrios de Monte Porreiro, A Seca – Valdecorvos e A Parda, para así superar o efecto barreira na conexión leste-oeste da cidade e garantir a cohesión urbana, a equidade no acceso aos servizos e a sustentabilidade do modelo de Pontevedra.
A modo de resumo, os proxectos a desenvolver serían os seguintes, segundo a zona:
- P1: MONTE PORREIRO REVIVE: Desenvolvemento de infraestruturas deportivas, socioculturais e mellora de espazos públicos no barrio de Monte Porreiro
- P2: ADAPTA e CONECTA A SECA – VALDECORVOS: Xestión de riscos de inundación relacionados co clima, conexión urbana e novo espazo de centralidade sobre a vía do ferrocarril nos barrios da Seca – Valdecorvos
- P3: A PARDA VERDE: Novo parque verde no barrio de A Parda
- P4: PONTEVEDRA SMARTCITY: Administración electrónica e TICS ao servizo da cidadanía
Tal e como explicou o rexedor, o Investimento solicitado será de 20.000.000 € (dos cales 12 millóns son financiados polo FEDER e 8 millóns son financiados polo Concello de Pontevedra). O reparto deste investimento sería para o P1 (10.956.772,53 euros), P2 (3.025.624,28 euros), P3 (5.317.603,19 euros) e P4 (700.000 euros).**
«Sería a solicitude de fondos máis grande que fixemos até o de agora», indicou Fernández Lores. «Confiamos en poder recibilos e poñer en marcha estas actuacións, que realmente mudarían distintos aspectos destes barrios e destes espazos».
**Os distintos proxectos poden ser consultados máis polo miúdo neste arquivo adxunto