O edil de Cultura, Demetrio Gómez, explicou que se aproveitará este peche para «darlle unha volta» ao funcionamento do espazo museístico, co fin de achegalo á veciñanza pontevedresa, poñendo sobre a mesa a posibilidade de realizar visitas a demanda
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, compareceu este martes, 25 de febreiro, para informar do peche inminente do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) co obxectivo de levar a cabo labores de mantemento neste espazo. Este pecho durará varias semanas e está relacionado coa mellora do seu equipo de ventilación e climatización.
Nese sentido, Gómez lembrou que o CITA está construído baixo terra, «rodeado de granito por todos os lados», circunstancias que impiden unha ventilación natural —por iso a importancia do bo funcionamento do sistema de ventilación— e que se relaciona coa detección dun nivel de radón por riba dos parámetros adecuados.
Ora ben, o concelleiro destacou que esta problemática «non ten absolutamente ningunha importancia para as persoas que o visitan», mais si pode ter importancia para os traballadores e traballadoras do lugar, xa que pasan máis tempo que os visitantes no CITA, ao traballar seis días por semana, facendo xornadas de catro horas.
Porén, e aproveitando este peche temporal, o edil de Cultura explicou que está sobre a mesa a idea de «darlle unha volta» ao funcionamento do CITA, a raíz tamén dos datos de visitantes contabilizados nos últimos tempos.
Ao longo dos dez últimos meses do pasado ano 2024, foron contabilizadas 3.331 visitas, unha cifra que supuxo un incremento ao respecto do ano 2022 (2.283). A cuestión é que se os números son analizados mes a mes, albíscase unha diferenza evidente entre os meses de verán, e o resto do ano (decaendo neste tramo). Así, Gómez explicou que «hai algo que non está a funcionar» á hora de atraer xa non visitante externos e turistas, senón veciños e veciñas ao CITA, polo que tamén se inicia un proceso de reflexión co fin de mellorar estas cifras de asistencia e potenciar o atractivo deste equipamento municipal.
Polo momento, e xa traballando en novas posibilidades para o futuro, Gómez sinalou que unha das propostas posíbeis é a de abrir este espazo museístico a demanda, tendo uns días de visita para as persoas que o soliciten, permitindo así que as visitas sexan sempre guiadas, o que derivará nunha mellor e máis completa experiencia.
Ademais desta proposta, tamén está sobre a mesa a posibilidade de realizar unha campaña de difusión entre os distintos centros educativos da cidade, así como achegar o CITA aos distintos colectivos sociais e que vexan este espazo con outros ollos.