Domingos do Principal pecha a primeira edición do 2025 con gran acollida do público

2200 nenos/as e familias gozaron dos 4 espectáculos programados ao longo do mes de febreiro en pase dobre ás 12 h e 18.30 h.

As compañías Roi Borrallas (Galiza/Cataluña), Artika Cía (Galiza), Elefante Elegante (Galiza) e La Chana (Salamanca) achegaron espectáculos de teatro, monicreques, música ou clown.

O espectáculo ‘Pum pum, quen hai?’ de Ártika, sumou un total de 745 entradas vendidas.

O ciclo de artes escénicas para público familiar regresará en outono con novas propostas

A primeira tempada do ciclo Domingos do Principal, que contará en 2025 con dúas edicións, rematou o pasado domingo 23 cunha moi boa acollida por parte do público familiar ao que vai dirixido. Arredor de 2200 familias e cativada gozaron dos 4 espectáculos de clow, monicreques, teatro de actor, musical etc. que tiveron lugar os días 2,9, 16 e 23 deste mes da man de compañías galegas e de fóra do país.

A primeira en pasar polo Teatro foi ‘Solo’ de Roi Borrallas, cun total de 486 entradas vendidas. O clown galego asentado en Cataluña achegou un espectáculo delicado, combinando monicreques con traballo de clown e que, en palabras de Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro, responsable da programación “podería ser programado en Ponteatro e tería moito éxito. É digno de ver non só para público infantil e acumula unha morea de premios”.

O espectáulo ‘Pum pum, quen hai?’ da compañía viguesa Ártika Cía chegou ao Principal o segundo domigo de febreiro sumou 745 entradas vendidas e foi con este dato, o de maior acollida.Un espectáculo amable, musical e divertido sobre a importancia de aceptar a diversidade.

A tamén galega Elefante Elegante sumou 428 localidades despachadas co seu espectáculo KYOKI, Unha proposta plástica, visual, que en palabras de Rodríguez “que fai reflexionar sobre a vellez e as situacións que se dan coa xente maior, o esquecemento, a soidade, etc. Traballa con linguaxe xestual que permite que haxa varias lecturas do espectáculo para a cativada e o público adulto”

Pechou o ciclo o pasado domingo 23 como segunda compañía con maior número de entradas vendidas, con 542, ‘Blancanives’ de La Chana Teatro, “unha compañía de Salamanca que leva traballando dende o ano 87 e empregan a palabra e os obxectos. Nesta ocasión é unha versión en verso de Blancanieves onde todos os personaxes son lámpadas. É un espectáculo para cativada a partir de 6 anos con moitas chiscadelas para público adulto. Foi gañador do Premio Max no 2023 entre moitos outros recoñecementos”.

Compartir publicación: