O proxecto de mellora deste lugar contempla o derrube dunha edificación ruinosa de 94 metros cadrados e a recuperación da beira esquerda do río nesta contorna
O edil de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, presentou esta mañá o proxecto de demolición de construción de planta baixa e adecuación do espazo público na ribeira do río Gafos, na rúa Ponte Nova nº 5.
Alén do nome oficial do proxecto, esta actuación tradúcese nunha nova actuación ao redor deste río, e que traerá a recuperación dun espazo de preto de 170 metros cadrados, e que na actualidade ocupa unha edificación ruinosa de 94 metros cadrados, que hai décadas era usada como lavadoiro.
A edificación existente e visible no lugar non conta con ningún tipo de valor patrimonial ou arquitectónico e son visíbeis na súa fachada as distintas modificacións que se lle foron facendo ao longo dos anos, incorporando ladrillo e outros elementos de nulo valor histórico. «Está nun estado bastante ruinoso, provocando unha mala imaxe na zona», comentou Moreda.
«A actuación prevista contempla o derrube da edificación e a recuperación da beira esquerda do río Gafos, creando un espazo para o gozo da veciñanza da zona ou dos paseantes que se acheguen até aquí», indicou. «Os traballos mellorarán o acceso á senda do Gafos, creando un itinerario máis accesíbel e unha zona de estancia ao carón do río».
O orzamento do proxecto sitúase nos 48.352,72 euros. Na pasada Xunta de Goberno Local foi aprobada a solicitude á Xunta de Galiza dunha axuda para esta actuación (existe na actualidade unha liña de subvencións para o impulso da infraestrutura verde e da conectividade dos espazos verdes).
O edil subliñou que este tipo de actuacións, máis pequenas que outros proxectos de enorme envergadura, son tamén fundamentais para a cidade e non menos importantes, pois teñen un impacto na súa contorna, mellorando a calidade de vida da veciñanza e dos espazos públicos.