As persoas adxudicatarias están sendo notificadas para que se acheguen ás dependencias municipais a asinar o contrato de concesión.
A concellaría de xestión dos cemiterios municipais vén de resolver definitivamente a adxudicación de nichos nos camposantos de San Amaro, Lourizán e Ponte Sampaio. En total concedéronse definitivamente 193 nichos dunha petición inicial de 243.
A concelleira Anabel Gulías, responsable do departamento, valorou con satisfacción o resultado desta licitación (que levaba dez anos sen abrirse) xa que atende unha petición moi sensible da veciñanza, e felicitou o traballo dilixente e agarimoso do servizo de cemiterios.
Os nichos que se ofertaban en concesión eran todas as vacantes dos seguintes cemiterios:
- 200 nichos no cemiterio municipal de San Amaro
- 36 nichos en Lourizán
- 64 nichos en Ponte Sampaio
E o resultado da licitación foi a seguinte:
Cemiterio | Nichos concecidos provisionalmente | Renuncias | Nichos concedidos definitivamente |
San Amaro | 197 nichos (151 solicitudes) | 41 nichos (21 solicitudes) | 156 nichos |
Lourizán | 37 nichos (23 solicitudes) | 6 nichos (4 solicitudes) | 31 nichos |
Ponte Sampaio | 9 nichos (6 solicitudes) | 3 nichos (2 solicitudes) | 6 nichos |
Total | 243 nichos (180 solicitudes) | 50 nichos (27 solicitudes) | 193 nichos |
A Concellaría de Cemiterios comezou a chamar aos adxudicatarios definitivos para que se presenten nas oficinas municipais a recoller a notificación e a asinar o contrato de concesión.
Ademais, a partir do luns, 24 de febreiro, todas aquelas persoas que aínda non fosen chamadas e sexan adxudicatarias dun nicho (ou nichos) poden poñerse en contacto co servizo nos teléfonos 986 80 43 00 ext: 7631 / 7633 / 7634 e solicitar cita previa para recibir a notificación e asinar o contrato.
A concesión será por 75 anos e este prazo terá un carácter improrrogable. A concesión destes nichos poderá transmitirse a favor de herdeiros ou legatarios « mortis causa » da persoa concesionaria, e fíxase o prazo dun ano para que a persoa herdeira ou legataria acredite a súa condición. Queda expresamente prohibida a transmisión das concesións inter vivos.