Preto de 400 mozas e mozos particiapron nas actividades de terceira fin de semana das Noites Abertas gozando cos xogos de astucia, actividades deportivas, obradoiros de mini-fanzines, chaveiros, cianotipia, maquillaxe de cine, cociña de empanadillas e frappés, etc.
Entre este venres 21 e o sábado 22, poderán participar de novas propostas como o wargame do Señor dos Aneis. os obradoiros de cianotipia, cestaría, customizaxe con bordados, maquillaxe de cine e Drag Queen, cursos de DJ e ukelele ou bádminton libre e fútbol 7
A previsión meteorolóxica obrigou a adiar ao 14 de marzo a saída astronómica “Viaxe ás estrelas descubrindo os segredos do espazo” prevista para este venres da man da Asociación Sirio
Tras esta fin de semana, Noites Abertas fará unha paréntese durante os días 28 de febreiro, 1, 7 e 8 de marzo por mor do Entroido e retomará a actividade o venres 14.
Noites Abertas celebrou a súa terceira fin de semana cunha elevada acollida por parte da xente nova a quen vai dirixida esta oferta variada e lúdica de actividades de lecer educativo e de balde. Entre o venres 14 e o sábado 15 ofertáronse 28 sesións diferentes. En total participaron 397 persoas: 40% mozas, 56% mozos, 3% non binario, 0% outras identidades e 1%NC. Mantense a porcentaxe superior de mozos debido á actividade de fútbol que oferta un gran número de prazas e a participación está sempre masculinizada (nesta ocasión participaron 116 mozos e 0 mozas).
Por idades, o 50% da participación corresponde ao tramo de idade de 17 a 25 anos (poboación diana do programa), seguido do tramo 12-16 anos que representa o 36% e o 14% restante correspóndese ás maiores idades, 26-30 anos, que xa van abandonando o programa.
53 persoas quedaron sen praza nalgunha das actividades nas que tiñan interese inicialmente mais, a maioría non quedaron fóra de Noites Abertas xa que foron redirixidas a algunha das outras propostas con vacantes dispoñibles
Completaron o 100% das súas prazas fútbol sala mixto, esgrima e loita escénica, encadernación belga, xogo de astucia do asasino, chaveiros, pendentes e pins de plástico máxico, empanadillas arxentinas, frappés de chocolates, froitas e cafés.
Por instalacións a maior participación estivo no colexio Froebel con 208 persoas ao longo de toda a fin de semana. No pavillón multiusos da Xunqueira 116, seguido da Casa Azul con 68 persoas e 5 no Local de Música.
Antes do parón que terá lugar por mor do Entroido durante as xornadas do venres 28 e sábado 1 de marzo e o 7 e 8, Noites Abertas ten preparadas para este fin de semana numerosas e diversas propostas:
O venres 21, ás 20.00 no Froebel botarán a andar os obradoiros de encadernación xaponesa, esgrima e loita escénica amais do tenis de mesa libre. A partir das 21.00h. chegarán aromaterapia con aceites esenciais para a ansiedade e o estrés e xadrez para todos os niveis e ás 21.30h. unha actividade de customizaxe con borados. A partir das 22.00h. poderase xogar ao bádminton libre.
Outro dos espazos de Noites, a Casa Azul, abrirá tamén ás 20.00 co Espazo Aberto e a actividade de tai chi. A partir das 20.30 un obradoiro de costura de supervivencia e outro de cociña para facer ñoquis. Finalmente, a partir das 21.00h. botarán a andar ukelele e de danzas urbanas: breaking.
O venres tamén haberá programación de Noites Abertas no Local de Música a partir das 20.00 coa actividade de guitarra iniciación.
A primeira saídas astronómicas: “Viaxe ás estrelas descubrindo os segredos do espazo” da man da asociación Sirio e no observatorio astronómico, estaba programada tamén para este venres 21 mais a previsión meteorolóxica obriga a adiar esta actividade ao 14 de marzo. A apertura de inscricións inscrición para esta saída en autobús queda posposta ao luns 10 de marzo na web de noitesabertas.gal pinchando no evento,
O sábado 22 de febreiro, novamente no Froebel comezarán as actividades ás 20.00h. cun obradoiro de Soutache: pendentes e colgantes e o tenis de mesa libre. Seguidamente ás 20.30h. dará comezo o obradoiro de mini-fanzines, e ás 21.00h. cestaría, o torneo de bádminton, un obradoiro de maquillaxe de cine e Drag Queen. Finalmente ás 21.30 comezará o wargame do Señor dos Aneis.
Pola súa parte, na Casa Azul ás 20.00 haberá pandeireta e canto tradicional e o obradoiro de colaxe téxtil. A partir das 20.30h. volve o obradoiro de cianotipia (técnica fotográfica) chamado “Pupila azul” e ás 21.30h. comezará a actividade de baile tradicional galego.
Tamén o sábado de 22.00 a 01.00 regresa aos campos de herba sintética da Xunqueira o fútbol 7 mixto. E no Local de Música de 20 a 22h un novo obradoiro de DJ iniciación.
Lembrar que as actividades de Noites abertas non requiren inscrición previa (agás as 3 que requiren desprazamento en autobús), son gratuítas e só teñen a limitación da idade correspondente, oscilando entre os 12 e os 30 anos.
Pode consultarse toda a programación e información concreta de cada actividade na web https://noitesabertas.gal ou no Instagram de Xuventude do Concello de Pontevedra @xuventude onde se resolven todas as dúbidas e preguntas practicamente en tempo real.