A reforma do centro social, o novo pavillón municipal, a remodelación do campo de fútbol-rugby ou a rehabilitación das rúas Alemaña, Irlanda, Luxemburgo e Reino Unido están dentro dos proxectos que o Concello presentará a nova liña de financiamento europea.
A EDIL complétase con intervencións na Seca-Valdecorvos, na Parda e con solucións TICs para os servizos municipais.
O Goberno local reúnese esta tarde coa Asociación de veciños O Mirador de Monte Porreiro para informarlle dos proxectos que o Concello quere acometer no barrio. Os concelleiros Alberto Oubiña e Raimundo González, responsables do barrio e dos fondos europeos, respectivamente, exporán á directiva veciñal os proxectos pensados para Monte Porreiro e que irán incluídos na nova petición municipal aos fondos FEDER a través da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL).
Monte Porreiro será o barrio máis beneficiado desta nova petición xa que recibirá máis do 50% da EDIL, arredor de 10 millóns de euros. Os fondos europeos permitirán facer unha renovación integral do campo de fútbol-rugby, a rehabilitación do centro social coa creación dunha aula TIC, a construción do novo pavillón de deportes e a creación dunha nova zona verde no barrio, e a rehabilitación integral das rúas Alemaña, Irlanda, Luxemburgo e Reino Unido. Tamén inclúe a remodelación da praza de Europa.
A Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) que presentará Pontevedra complétase cunha intervención no barrio de A Seca-Valdecorvos onde se proxecta un espazo de centralidade na cuberta da vía do tren da Seca, o acondicionamento de toda a entrada ao barrio e a creación de zonas inundables co tratamento de toda a zona verde. Tamén inclúe o parque da Parda (proxecto que xa está adxudicado e que dispón de fondos propios para o seu inicio) e solucións TICs municipais.
O Goberno local iniciou hai unhas semanas o proceso de información da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) facendo partícipes aos integrantes do Consello Económico e Social, así como á Federación de Asociación de Veciños Castelao.
Nesta ocasión reúnense coa directiva de veciños de Monte Porreiro dado que é o barrio máis beneficiado da petición de fondos.