Pontevedra celebra a Rosalía cunha lectura de poemas

O acto, aberto á cidadanía, terá lugar o vindeiro sábado 22 ás 12.30h. no bar Verbena.

Contará coa lectura do manifesto da AELG da man da poeta Lucía Novas, estará ambientado polo colectivo O Fruto e a Serpe e convida ao público a participar no micro aberto

O día 23, convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego!, terá lugar unha manifestación a prol da lingua galega en Santiago de Compostela.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez presentou esta mañá a celebración do Día de Rosalía salientando que “este evento terá lugar vindeiro sábado 22 ás 12.30 no Bar Verbena aínda que como ben sabedes , o Día de Rosalía é o 23 deste me. Este ano ímolo celebrar o 22 pola mañá por un motivo moi importante: o Concello fai parte de Queremos Galego e o día 23 hai convocada unha manifestación en Santiago de Compostela a prol da lingua galega. Estamos nunha situación de emerxencia lingüística e non queremos que ninguén teña escusa para non asistir. Celebramos a Rosalía o día 22 e convocamos a todos e todas as pontevedresas que sintan a lingua, que queiran que a lingua galega revitalice, a asistir a esa manifestación”.

Demetrio estivo acompañado por Lucía Novas, da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG),  Cynthia Menéndez e Elvira Jardón do colectivo O Fruto e a Serpe e Sara García Polo, do bar Verbena, “que representamos as 4 entidades que este ano organizamos conxuntamente esta celebración  polo Día de Rosalía. Todas elas saben de poesía moito máis que nós e estamos encantados de nos boten unha man para celebrarmos a nosa poeta nacional, iniciadora da nosa literatura contemporánea e convocamos a todas as persoas  que lles guste a poesía, a nosa lingua e que gocen con Rosalía, a que nos acompañen este sábado 22 ás 12.30 a un vermú no bar Verbena, onde convidaremos ás persoas asistentes a ler poemas das obras Cantares Galegos e Follas Novas. Está moi ben ler, pero tamén pasarse polo Verbena a simplemente escoitar este poemas marabillosos e seguro que ambientación que vai facer O Fruto e a Serpe, vai ser unha auténtica marabilla como xa o foi o ano pasado”.

A poeta Lucía Novas, representante da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega avanzou na súa intervención que ela será a encargada de ler o manifesto que se elabora cada ano para o Día de Rosalía. “Este ano escribiuno a escritora Marga Doval e está artellado entre a idea de reivindicación da lingua, da terra e tamén hai unha mención a Palestina”.

Pola súa banda, Cynthia Menéndez e Elvira Jardón desde O Fruto e a Serpe, serán as encargadas da ambientación do acto, como xa fixeron o ano pasado. “O noso proxecto naceu cun evento de poesía musicada sobre Carvalho Calero e que continuamos con actividades relacionadas coa poesía como o “Rebumbio Poético” que celebramos mensualmente, tamén no Bar Verbena, e onde homenaxeamos a unha poeta morta para darlle o seu lugar xusto na literatura porque moitas veces estiveron infravaloradas, malinterpretadas, etc. Facemos unha homenaxe con labor de divulgación, contamos a súa vida, falamos da súa obra, facemos un micro aberto. Facemos tamén unha ambientación para cada evento que é como unha viaxe no tempo, recreando á época na que viviu a poeta. O Concello coñeceu o noso traballo por redes sociais e o ano pasado chamounos por primeira vez para facer o Día de Rosalía. A ambientación daquela estivo máis centrada en facer un salón do século XIX e este ano imos facer algo máis simbólico a través de unión de Rosalía coa natureza. Escollemos a Verbena tamén para este evento para achegar a poesía á rúa, nun bar, cun contexto máis informal porque a poesía non sempre é unha cousa que está moi lonxe e por enriba de nós”, comentaba Elvira.

Dende o Verbena Sara afirma que “cando abrimos o bar non hai moitos meses, tiñamos claro que non queriamos que fose algo máis que un local de copas. Trasladas á xente a cultura sen que sexa sempre nun contexto moi formal. A resposta ás actividades está sendo estupenda, tivemos que desdobrar o grupo do clube de lectura, o Rebumbio Poético cada vez atrae máis xente, facemos tamén exposicións de fotografía, lectura de poesía, relatos, etc.  Estamos moi contentas con que nos tiveran en conta para esta celebración

O cartel destinado á difusión do evento conta coa ilustración que Belén Diz creou para a mostra de Normalización Lingüística, Rosalía coma ti.

Rosalía SNL 2025 Cartel

Compartir publicación: