O Concello elabora un “plan eclipse” para gozar de xeito seguro dos próximos fenómenos astronómicos

Da man da Asociación Astronómica Sirio, está previsto na Ponte do Burgo un evento de observación pública do fenómeno que terá lugar o sábado 29 de marzo a partir das 10.40h con reparto de 2000 lentes, asesoramento e diversos métodos de observación dispoñibles.

Como preparación para este e próximos eclipses, terá lugar tamén coa colaboración de Sirio, unha reunión formativa o vindeiro martes 18 ás 18h. no Salón de Actos do Pazo da Cultura con inscrición previa no correo xuventude@pontevedra.gal

No fenómeno do 29 de marzo a porcentaxe de ocultación do Sol será de preto do 31% pero o 12 de agosto do 2026 será total en Galicia. Haberá tamén eclipses o 2 de agosto de 2027 cun 77’16% e o 26 de xaneiro de 2028 cun 72,16%

O concelleiro de Cultura e Xuventude, Demetrio Gómez, presentou esta mañá xunto a David Filgueira da Asociación Astronómica Sirio un plan elaborado conxuntamente para poder gozar dos eclipses de xeito seguro. “Son os nosos especialistas de Pontevedra en observación astronómica e con eles imos realizar unha actividade moi interesante de quecemento para o que se ven: o trío de eclipses que teremos nos próximos anos, un fenómeno astronómico que probablemente sexa único nas nosas vidas e, este ano o 29 de marzo hai un eclipse previo que vai ser tamén moi espectacular porque falamos de que se cubra case o 31% do sol. Para iso imos realizar con Sirio unha serie de actividades para entender por unha parte a importancia do que estamos vendo, que estamos observando cando ollamos cara o Sol estes días e tamén como debemos facelo porque non é unha activada esencialmente segura se non se fai seguindo as normas de seguranza”

Para fomentar que a poboación pontevedresa goce de xeito seguro dos fenómenos que están por vir, Demetrio anunciou unha xornada de formación, de carácter moi práctico e con inscrición necesaria en xuventude@pontevedra.gal xa que “está aberta a calquera persoa pero no caso de que teñamos máis demanda que prazas, imos priorizar a profesores e profesoras, directivos de ANPAS e profesionais de empresas de tempo de lecer, xa que iso nos permite despois chegar a moito máis público”

Esta formación terá lugar o próximo martes 18 ás 18h. no Salón de Actos do Pazo da Cultura, levada a cabo pola Asociación Sirio con 3 obxectivos:

  • Coñecer ben os riscos que pode comportar ollar directamente cara ao sol/eclipse.
  • Coñecer métodos de observación segura (INDIRECTA) – Aprender a construír un mecanismo de observación caseiro.
  • Entender a importancia do evento astronómico deste ano e dos seguintes.

Posteriormente á formación, “o sábado 29 a partir das 10.15 da maña estaremos na Ponte do Burgo para observar o eclipse que se vai producir este ano. Grazas a Asociación Sirio imos contar alí cunha serie de materias que nos van permitir observar o eclipse, tanto directa como indirectamente, algún telescopio. Van asesorar tamén ás persoas que por alí se acheguen e ademais imos repartir 2000 lentes para observar alí. Escollemos a Ponte do Burgo porque o eclipse comeza sobre as 10.40h e a es hora o Sol está cara o leste de Pontevedra e ese e punto con mellor visibilidade. Se acompaña o tempo poderemos realizar esta actividade e se non, quedamos aprendidos para a seguinte, que será en agosto como vos vai indicar David”

Eclipse 29marzo

Pola súa banda David Filgueira explicou o que sería un eclipse de Sol: “é a ocultación do Sol por parte da Lúa. Son astros que se están movendo e se dá de cando en vez cando está a Lúa nova cando hai un aliñamento case perfecto entre o tres sistemas: Sol, Terra e  Lúa, de xeiro que a Lúa proxecta a súa sombra dobre unha zona determinada da Terra, que quedaría a escuras. O eclipse que temos o vindeiro 29 de marzo será parcial, vai ocultar aproximadamente o 31% do disco do Sol e imos empregalo como quecemento do trío de eclipses que veñen a partir do ano que vén. Especialmente importante vai a ser o eclipse do 2026 que vai ser case total en Pontevedra con máis do 99% do Sol oculto pola sombra da Lúa. Imos transmitirlle a xente cales son as maneiras de observalo de forma segura. Hai que tomar unhas precaucións e non empregar dispositivos como cristal afumado ou radiografías como antigamente. Imos aproveitar a charla do próximo martes 18 para explicar estes métodos correctos de observación, cales son os riscos e como evitalos”.

Tren de eclipses

2026 – 12 de agosto – Máximo do eclipse ás 18:30 – 99´58% – Total en Galiza

2027 – 2 de agosto – Máximo do eclipse ás 08:45 – 77’16% – Total no sur da Península

2028 – 26 de xaneiro – Máximo do eclipse ás 16:52 – 72´16% – Na Penísula, anular.

Compartir publicación: