A terceira fin de semana de actividade chega con xogos de astucia e obradoiros de mini-fanzines, chaveiros, cianotipia, maquillaxe de cine, cociña de empanadillas e frappés.
Ata o 29 de marzo, exceptuando o Entroido, Noites Abertas manterá a súa programación gratuíta e destinada a xente moza entre o 12 e os 30 anos, para a que non é preciso reserva de praza. Máis información en noitesabertas.gal
A rapazada poderá tamén empregar o ‘Espazo Aberto’ na Casa Azul para socializar e gozar con cómics, instrumentos musicais ou xogos de mesa.
O venres 14, ás 20.00 no Froebel comezará un obradoiro de encadernación belga con cosido zig zag, esgrima e loita escénica ademais do tenis de mesa libre. A partir das 20.30 un obradoiro de mini-fanzines e o xogo de astucia do Asasino. Ás 21.00 unha actividade de maquillaxe de cine branco e negro e ás 22.00 poderase xogar ao bádminton libre.
Outro dos espazos de Noites, a Casa Azul, abrirá tamén ás 20.00 co Espazo Aberto con cómics, instrumentos musicais e xogos de mesa diversos cos que pasar o tempo e socializar. A esa mesma hora terá lugar a actividade de tai chi e a partir das 20.30 un obradoiro de cociña para facer empanadillas arxentinas. Finalmente, a partir das 21.00 as actividades de ukelele e de danzas urbanas: breaking.
O venres tamén haberá programación de Noites Abertas no Local de Música a partir das 20.00 coa actividade de guitarra iniciación e un obradoiro de canto. Nese mesmo espazo quedaremos para comezar a ruta polo Gafos para ver a fauna nocturna.
O sábado 15 de febreiro, novamente no Froebel comezarán as actividades ás 20.00 con acrobacias e ximnasia, unha jam de debuxo con modelo vivo e o tenis de mesa libre. Seguidamente ás 20.30 dará comezo o Xogo “O lobishome de Castronegro”. Ás 21.00o obradoiro de chaveiros, pendentes e pins de plástico máxico, un novo obradoiro de maquillaxe de cine de efectos especiais e o bádminton libre.
Pola súa parte, na Casa Azul ás 20.00 haberá pandeireta e canto tradicional, bordado sobre papel e un obradoiro de cianotipia (técnica fotográfica) chamado “Pupila azul”. A partir das 21.30 será a quenda do baile tradicional galego e un obradoiro de frappés de chocolates, froitas e cafés.
Tamén o sábado de 21.00 a 24.00 no Multiusos da Xunqueira volverá unha das actividades que concentra unha elevada participación, o fútbol sala mixto.
Lembrar que as actividades de Noites abertas non requiren inscrición previa (agás as 3 que requiren desprazamento en autobús), son gratuítas e só teñen a limitación da idade correspondente, oscilando entre os 12 e os 30 anos.
Pode consultarse toda a programación e información concreta de cada actividade na web https://noitesabertas.gal ou no Instagram de Xuventude do Concello de Pontevedra @xuventude onde se resolven todas as dúbidas e preguntas practicamente en tempo real.