A nosa cidade acollerá a súa festa particular o xoves 29 de maio na Alameda
A inscrición para os centros de ensino que teñan interese en participar, abrirá a principios da próxima semana no seu web https://correlingua.gal/
O lema, escollido entre as numerosas propostas da rapazada, será nesta ocasión ‘A mocidade activa por unha lingua viva!’
A Alameda será o espazo escollido para acoller o 29 de maio no paso pola nosa cidade a 25º edición do Correlingua, presentada esta mañá da man do edil de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez e unha representación da organización da iniciativa: Anxo Terán, presidente da AC Correlingua, Celia Armas, coordinadora comarcal do Correlingua da Coruña, Suso Vermello, secretario nacional da CIG Ensino e Marta Ferreiro, en representación da AS-PG.
Demetrio anunciaba que “volve o Correlingua a Pontevedra o 29 de maio. Unha actividade que xa está en marcha e non é só esta carreira que vai acontecer este día de festa. Para Pontevedra é un día moi especial, como todos os anos que colaboramos con esta actividade, porque é imprescindíbel cambiar o rumbo que ten a Lingua Galega neste momento. Hai que derrogar o “decreto da vergoña”, hai que cambiar a lingua no Ensino e na mocidade: a mocidade ten que sentir que é necesario que utilice a lingua propia do país. Amais o Correlingua revela algo que creo que é importante: si o Ensino neste momento non está resultando un elemento galeguizador, e un espazo onde a mocidade poida sentirse libre de utilizar a nosa lingua, non é por culpa dos e das profesionais que alí traballan, que participan nesta e noutras actividades para intentar mudar ese rumbo. Temos unas excelentes profesionais, temos unha sociedade disposta a traballar e facer necesaria a nosa lingua galega e desde o Concello van ter sempre o noso apoio para que isto siga sendo así.”
Anxo Terán salientou, antes de presentar as actividades programadas, que “este ano cumprimos 25 anos, contra vento e marea. 25 anos saíndo á rúa por todas as vilas e localidades do país, e contando coa axuda sempre dos centros de ensino e do alumnado. Este ano tamén para nós é especial porque, dada a situación actual, é imprescindíbel seguir co Correlingua: é case o elemento máis normalizdor en todo o país e por iso, a parte das carreiras pola rúa, elaboramos actividades durante todo o ano que permiten ter feedback cos centros e o profesorado non só no mes de maio.
Entre as actividades máis senlleiras que levamos a cabo está a da selección do lema, escollido entre as propostas dos centros. Este ano será “A mocidade activa por unha lingua viva!” que nos parece moi acaído. O cartaz, que está feito pola deseñadora Xulia Pisón”
Regueifando!
Creación dunha gran regueifa colectiva.
Enviámos un titorial, crean e gravan 3 coplas na aula e mándase ao seguinte centro para que o continue. Ao final editamos un vídeo con todas as regueifas dos grupos participantes. Na edición do 2024 participaron 19 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza.
Dende xaneiro hai aulas traballando a Regueifa e creando coplas.
Desata a lingua
Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1º e 2º da ESO
Desde hai xa dúas edicións comezamos con estes obradoiros coa intención de elaborar un manifesto colectivo. O manifesto desta edición é o resultado dese traballo feito nos centros no último trimestre do 2023. Os obradoiros que se farán no último trimestre do 2025 darán como resultado o manifesto do Correlingua 2026.
CONCURSOS
Crealingua
Concurso libre de creación artística en galego. O Crealingua é unha ventá aberta ao idioma, agardamos aire fresco das aulas en forma de Banda Deseñada, Tik Tok, vídeo, blog e toda aquela produción feita polo alumnado.
Cantalingua
Concurso de música en galego. Os grupos musicais que queiran participar envían unha canción en galego.Os grupos gañadores serán os que animen todas as Festas do Correlingua 2025
A inscrición na web do Correlingua está xa dispoñíbel.
No seu web https://correlingua.gal/ pódese consultar as actividades e prazos de inscrición.