A Señora Pepa, proposta de nome para o novo viario do rueiro pontevedrés situada entre Luís Braille e Pintor Urbano Lugrís 

A suxestión foi realizada pola Asociación Veciñal Salcedo Norte, contando co apoio da AA. VV. Cabanas, do Cineclube, da Comunidade de Montes Veciñais de Salcedo, da A. C. Casa Verde, da Asociación Mocidade Galega pola Memoria ou da AA. VV. Heroes do Campo da Porta
Josefa Vázquez Juncal foi unha veciña amplamente coñecida na contorna, traballadora incansábel, encargada de bordar a bandeira da Sociedade de Agricultores de Salcedo, deseñada por Castelao; e represaliada, xunto coa súa familia, polo Franquismo 

O novo viario que une Luís Braille con Santa Lucía, A Corva, e Pintor Urbano Lugrís inicia o seu camiño para levar o nome dunha muller, a Señora Pepa. Josefa Vázquez Juncal. O Concello de Pontevedra recolle así a proposta da Asociación Veciñal Salcedo Norte para homenaxear a unha veciña amplamente coñecida na contorna, pola súa relación coa histórica fábrica de ferramentas asentada no barrio, de nome ‘O Ferreiro do Pino’.

Tal e como explican desde o colectivo, a Señora Pepa «tivo un pequeno taller de costura, no baixo da súa casa, amais de vender polas feiras e mercados as ferramentas da fábrica familiar transportándoas nun carro de cabalos». Ademais, con base na cultura e memoria popular, a bandeira da Sociedade de Agricultores de Salcedo, deseñada por Castelao, foi bordada por Josefa Vázquez Juncal. «Bordouna fío a fío, puntada a puntada entre bágoas de dor, no silencio interminábel da casa, o símbolo definitivo da resistencia, da dignidade e do compromiso dunha familia que nunca esqueceu, que permaneceu sempre en pé e que segue mantendo acesa a chama da memoria de todas as persoas que loitaron pola liberdade».

A bandeira foi agochada nunha casa da parroquia de Salcedo, espazo no que permaneceu 64 anos. No ano 2000 foi entregada por Arturo Estévez ao Concello de Pontevedra e depositada no arquivo municipal. 

Muller afable e loitadora incansábel, a Señora Pepa traballou arreo para sacar á súa familia adiante. Tivo once fillos. O seu primoxénito, Edelmiro, dirixente do Partido Socialista, foi torturado e asasinado en Bora en 1936. As súas fillas Fina e Tucha foron apartadas da docencia, rapadas e encarceradas durante dous meses. O seu home, Antonio Dios, estivo preso durante cinco meses. A dor de perder o fillo, o peso da ausencia, a agonía daquela morte cruel e inxusta ademais das multas, intervención na empresa da familia, o acoso ou a persecución do réxime definiu boa parte da súa vida.

Desde o Concello de Pontevedra lémbrase que a feminización do rueiro, xunto coa recuperación da toponimia tradicional, son a base fundamental á hora de nomear ou renomear as rúas da cidade. No referido ao primeiro argumento, xa no 2019 María Vinyals i Ferrer, Ernestina Otero, Dolores Trabado e Vasquida García, fixeron que o rueiro da cidade fose «un pouco máis feminista», tal e como se declarou en pleno. 

Compartir publicación: