O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou o informe ‘Hábitos deportivos no Concello de Pontevedra’ realizado polo Observatorio Galego do Deporte, do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar
O estudo achega datos sobre a relación do municipio co deporte, concluíndo cifras realmente positivas e que posicionan a Pontevedra como un referente na súa relación co deporte dentro do Estado e dentro da Galiza
Pontevedra é unha vila en simbiose co deporte. É unha das distintas conclusións que se poden extraer do informe ‘Hábitos deportivos no Concello de Pontevedra’ realizado polo Observatorio Galego do Deporte, do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do presidente do Clúster Galego do Deporte, Pedro Iglesias, e da coordinadora do estudo, Sofía Toro; compareceu este mércores en rolda de prensa para presentar este estudo, pioneiro no país, que permite coñecer «como está a Pontevedra á hora de falarmos da práctica de actividade deportiva».
Unha das metas nas que leva tempo traballando a entidade deportiva é fomentar o deporte e a súa práctica para poder chegar até os 2.000.000 de galegos neste eido.
O estudo achega datos valiosos sobre a relación da veciñanza de Pontevedra coa práctica deportiva e a saúde. Por exemplo, o 50,13 % da poboación afirma camiñar máis de trinta minutos ao día, os sete días á semana; ademais, case o 60 % da poboación do Concello practica deporte de xeito regular (unha ou máis veces á semana), unha media moi por riba dos datos do Estado e de Galiza (52,2 % e 46,1 %, respectivamente).
Doutra banda, un 15 % conta con licenzas federativas, un 36,3 % está abonada ao ximnasio e un 21,8 % forma parte dun club deportivo (de novo moi por riba das medias estatais ou galega).
Das persoas que formaron parte da enquisa, un 40 % recoñeceu practicar deporte coa saúde como motivación principal, feito que vincula dun xeito especial o deporte coa saúde en Pontevedra en particular (dobra a porcentaxe de poboación que escolle esta motivación no caso de España ou da comunidade galega).
Así, o estudo sinala que existe unha gran concienciación sobre a importancia do deporte e dos estilos de vida saudables, ademais de percibirse a implantación dunha cultura deportiva co deporte como un dos eixos centrais da vida da veciñanza, xunto coa existencia dun excelente ecosistema deportivo na cidade con equilibrio entre entidades e instalacións deportivas.
Pedro Iglesias felicitou ao Concello e á súa área de Deportes polo traballo conseguido, pois os datos de Pontevedra «son realmente bos». «O modelo de cidade desenvolto nos últimos anos está claro que propicia elementos que melloran a saúde das persoas, e é máis que posíbel relacionalo co deporte e a súa práctica».
Pola súa banda, o rexedor da Boa Vila recalcou o traballo realizado polo departamento municipal de Deportes, e parabenizou ao Clúster polo seu traballo ao longo destes últimos meses. «O deporte é un dos elementos que nos colocou no mundo como unha referencia», comentou. «Seguiremos traballando nesta liña, pois estamos encantados de que se perciba que a actividade física e boa para a saúde».
A presentación do estudo pode ser consultada na seguinte ligazón: