A edil responsábel do Rural, María José Abilleira, visitou estes primeiros traballos, englobados nun plan de actuacións deste tipo en distintas parroquias, coo Marcón, Tomeza e Ponte Sampaio
A edil responsábel do Rural, María José Abilleira, achegouse esta mañá até a parroquia de Lourizán para comprobar os traballos de mantemento e renovación do parque infantil de Praceres, acción que se sitúa baixo o marco dun proxecto de mellora para estes espazos polo rural pontevedrés.
«Comezamos por este parque porque era o que se atopa nun peor estado», explicou a edil. «Ademais, nesta contorna de Praceres imos facer unha serie de actuacións a maiores, tanto na cuberta da vía do tren, que será substituída, coma no campo de petanca, a petición da veciñanza, e pechar unha zona de estancia que está a ser invadida polos coches».
A actuación no parque infantil de Lourizán conta cun orzamento próximo aos 18.000 euros, sendo renovada toda a valla perimetral, os bancos interiores e arranxados os elementos infantís. «Iniciamos unha serie de obras en varios parques do rural. En Marcón, por exemplo, xa estamos tamén traballando. Queremos continuar polos parque infantís de Tomeza e de Ponte Sampaio, para logo actuar en función das necesidades que se nos presenten».