Máis de 500 mozas a mozos participaron entre o venres 31 de xaneiro e o sábado 1 de febreiro nas 27 sesións de actividades organizadas pola concellaría de Xuventude
Bádminton libre, tenis de mesa, xoias con elementos naturais, tatuaxes de henna, cociña vexetariana, cociña sen lume e fútbol sala mixto foron as máis exitosas, esgotando o 100% das prazas dispoñibles
O Concello valora positivamente os datos de participación desta primeira fin de semana de actividade de Noites Abertas 2025 que “nos animan a seguir traballando na mesma liña e a esforzarnos por colaborar coa mocidade pontevedresa neste proxecto”
Ata o 29 de marzo, exceptuando o Entroido, Noites Abertas continuará a súa programación, gratuíta e destinada a xente moza entre o 12 e os 30 anos, para a que non é preciso reserva de praza. Máis información en noitesabertas.gal
A 26º edición de Noites Abertas botou a andar a pasada fin de semana cunha excepcional acollida do público entre os 12 e 30 anos a quen vai dirixida esta proposta da Concellaría de Xuventude. A iniciativa achegará á mocidade pontevedresa máis de 107 actividades diferentes e gratuítas nas noites dos venres e sábados ata o 29 de marzo, con excepción da fin de semana do Entroido.
O concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, valorou moi positivamente os datos de participación destas primeira xornadas que “nos animan a seguir traballando na mesma liña e a esforzarnos por colaborar coa mocidade pontevedresa neste proxecto”.
Entre o venres e o sábado ofertáronse 27 sesións diferentes. En total participaron 516 persoas: 38,5% mozas, 59,8% mozos, 1,4% non binario e 0,3% NS/NC. Esta porcentaxe superior de mozos débese a que a actividade de fútbol sala oferta un gran número de prazas e o 100% da participación foi masculina.
Atendendo ás idades, o 50,20% do público asistente corresponde ao tramo entre 17 e 25 anos (poboación diana do programa), seguido do tramo 12-16 anos que representa o 39% namentres o 0,8% restante, corresponde ás idades máis elevadas, entre os 26 e os 30 anos, que xa van abandonando o programa.
Tan só 42 persoas quedaron sen praza na actividade que inicialmente escolleran mais non quedaron fóra de Noites Abertas ,xa que participaron doutras con vacantes dispoñibles.
Das 27 propostas completaron o 100% das prazas 7 delas: bádminton libre, tenis de mesa, xoiaría con elementos naturais, tatuaxes de henna, cociña vexetariana, cociña sen lume e fútbol sala mixto.
Por lugar de realización das actividades, a maior participación estivo no colexio Froebel con 295 persoas ao longo de toda a fin de semana. No Multiusos 103, seguido da Casa Azul con 82 persoas, 33 ao aire libre na carreira de orientación da Alameda e finalmente 3 no Local de Música.
Por diante quedan 6 fins de semana máis de avtividade ata o 29 de marzo, agás durante as festas do Entroido. Pode consultarse toda a programación e información concreta de cada proposta na web https://noitesabertas.gal ou no Instagram de Xuventude do Concello de Pontevedra @xuventude onde se resolven todas as dúbidas e preguntas practicamente en tempo real.
As actividades de Noites Abertas non requiren inscrición previa (agás as 3 que requiren desprazamento en autobús), son gratuítas e só teñen a limitación da idade correspondente, oscilando entre os 12 e os 30 anos.