O edil César Mosquera explicou que o proxecto de reforma avanza en prazo e, agás que chova, rematará «rápido»
O proxecto está cofinanciado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible para a implantación de zonas de baixas emisións e transformación dixital e sostible.
O concelleiro César Mosquera, compareceu este martes, 4 de febreiro, en rolda de prensa para dar conta da Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos. celebrada esta mañá. Alén dos distintos asuntos tratados durante a mesma, o edil quixo poñer o foco nos avances e novidades ao redor da obra de reforma integral da rúa da Santiña.
Este proxecto está financiado polas axudas aos municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e transformación dixital e sostíbel do transporte urbano, xestionadas polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR) do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.
«A obra avanza e practicamente están xa rematadas as arquetas de Unión Fenosa Distribución, polo que a obra entrará nunha fase de remate», explicou Mosquera. «Se o tempo o permite, agardemos que si, que non veña un inverno con choiva que non permita botar o formigón, o ritmo permitirá ver medrar día a día o proxecto para a rúa. Estamos en prazo e todo vai ir moi rápido, desaparecendo a maioría das molestias. Nese sentido, queremos agradecerlle a súa paciencia á veciñanza, que a tiveron. Remataremos pronto».